O Plan Hurbe financiou 105 actuacións para a modernización de infraestruturas en 67 concellos
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reafirmou hoxe a aposta da Xunta pola calidade de vida nas vilas, cun Plan Hurbe que, ata agora, financiou 105 actuacións en 67 concellos, modernizando infraestruturas e recuperando espazos públicos.
Durante unha visita as obras de remodelación da praza de España de Antas de Ulla, Feijóo subliñou que esta actuación fíxose ao abeiro deste plan e avanzou que este mércores o Consello aprobará un novo investimento para mellorar e acondicionar as rúas Castro Seoane, rúa Nova e Travesía da rúa Nova. “Imos seguir facendo realidade o Plan Hurbe. Estas tres actuacións incluiranse dentro das 17 novas obras que este programa comezará este ano na provincia”, aseverou, resaltando que, cun investimento de preto de 230.000 euros, nestas tres vías cambiaranse as beirarrúas, acondicionarse o firme, colocarase novo mobiliario urbano e renovarse o alumeado público.
Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que o Plan Hurbe naceu co obxectivo de mellorar a habitabilidade das vilas de Galicia, favorecer a cooperación entre a Xunta e os concellos e promover un mellor equilibrio territorial. Todo isto, lembrou, a través de tres grandes programas de actuación: o programa de humanización de rúas, que busca mellorar a calidade e a seguridade das vías públicas; o programa de urbanización e mellora de espazos públicos, centrado especialmente naqueles espazos con valor histórico, artístico ou arquitectónico, e o programa de mellora de equipamentos públicos, centrado naquelas infraestruturas urbanas, especialmente nas que teñen un fin social ou cultural, como auditorios, pazos de congresos, centros multiusos ou casas de cultura.
O responsable autonómico destacou que nestes tres programas englóbanse as 105 actuacións que se levaron a cabo, cun investimento total de 112 millóns de euros desde 2010. Precisou tamén que na provincia de Lugo investíronse máis de 25 millóns para levar a cabo 19 actuacións en 14 municipios.
Logo de incidir en que a mellor forma de fixar poboación no rural é facendo que as súas vilas e aldeas sexan sitios onde a xente queira vivir, Feijóo referiuse tamén a outras actuacións levadas a cabo pola Xunta no Concello, entre as que destacou as axudas —máis dun millón de euros— dedicadas ao Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes. “E temos que seguir traballando co Concello para financiar apartamentos tutelados para maiores”, engadiu.