O Partido Popular non irá á gala de Vigueses Distinguidos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Rolda de prensa do PP de Vigo

Rolda de prensa do PP de Vigo

O grupo municipal do PP confirmou este martes que non acudirá á gala de entrega da Medalla da cidade e dos galardóns de ‘Vigueses Distinguidos’ tras o rexeitamento de PSOE e Marea a premiar con esta distinción á organización Red Madre (que os populares propuxeran).

A voceiro do grupo, Elena Muñoz, acusou de “vergonzoso” o pleno no que os seus concelleiros quedaron sós apoiando a candidatura desta asociación, e subliñou que, cando puxeron sobre a mesa o nome de Red Madre na Xunta de Voceiros, nin socialistas nin Marea puxeron ningún reparo.

Muñoz denunciou que, fronte á “lealdade” do seu grupo, que apoiou as candidaturas do resto de partidos, os socialistas utilizaron unha “escusa torticera” para non avalar o nomeamento de Red Madre como ‘viguesa distinguida’.

“Hoxe o alcalde converteuse en líder de Podemos en Vigo, axeonllouse fronte aos postulados máis radicais, e falloulle a miles de vigueses”, sentenciou Muñoz, quen acusou a Abel Caballero de “hipócrita” por negarse a dar o galardón a unha asociación á que si concedeu unha subvención polo seu “labor social”.

“UTILIZACIÓN POLÍTICA” DE CÁRITAS

“Nós non imos ser cómplices desa manipulación”, proclamou, e confirmou que o PP non estará na gala de entrega das distincións, que se celebrará o próximo 29 de marzo ás 20.00 horas no teatro Afundación da cidade olívica.

Por outra banda, lamentou a “utilización política” de Cáritas Diocesana, que será nomeada ‘viguesa distinguida’ en substitución da falida candidatura de Red Madre. “Non merecen que os usen para este lavado de cara, como prato de segunda mesa ou premio de consolación”, engadiu.

Finalmente, Elena Muñoz denunciou que o alcalde pediu aos grupos que os galardóns fosen recollidos por mulleres representantes das asociacións. Ao seu xuízo, fíxoo “para facerse a foto rodeado de mulleres” e porque “é así como este alcalde entende a igualdade”, pero lle recordou que as mulleres “son persoas, non floreiros”.

22 de marzo de 2016 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.