publicidade hoxe

O novo centro de saúde de Oia iniciou a súa actividade con absoluta normalidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOia
A-
A+

A EOXI de Vigo estreou hoxe o novo centro de saúde de Oia. Neste primeiro día de funcionamento, que se desenvolveu con absoluta normalidade, os profesionais atenderon nas novas instalacións a un total de 90 pacientes

Neste novo edificio sanitario, cofinanciado con fondos FEDER, a administración galega realizou un investimento de 1.002.207 euros. Enmárcase na Estratexia do Sergas de modernizar as infraestruturas da rede de Atención Primaria para mellorar a asistencia prestada á cidadanía e o contorno de traballo dos profesionais.

A obra, realizada pola empresa Obras y Servicios Gómez Crespo, ten unha superficie construída, de 680 metros cadrados.

O seu programa funcional conta cunha área médica con dúas consultas de medicina xeral, dúas consultas de enfermería e unha área de atención materno infantil cunha sala da muller e consulta de pediatría. Ademais, dispón dunha consulta polivalente, e área de administración con arquivo, almacéns, vestiarios e outros servizos comúns.

Equipamento actualizado

As novas dependencias están dotadas de todos os medios técnicos e diagnóstico necesarios, que permitirán incrementar a capacidade resolutiva deste nivel asistencial. Neste senso hai que subliñar que conta cun equipamento de tecnoloxía sanitaria completamente renovado: electrocardiógrado, espirómetro, monitor da presión arterial (MAPA); doppler vascular; desfibriladores e oxímetros de pulso.

Isto facilitará que os seus profesionais, ademais de realizar a propia actividade asistencial, poidan realizar actividades preventivas e desenvolver os programas de protección e promoción da saúde (programa do neno san; programa de atención ao paciente crónico; o Control do Tratamento con Anticoagulantes orais,SINTRON; e atención á Muller, etcétera).

Datos asistenciais

O centro de saúde de Oia da cobertura a unha poboación de 2.442 usuarios, dos que 205 son nenos menores de 14 anos.

O cadro de persoal deste centro está formado por dous médicos xerais, dúas enfermeiras, un PSX (persoal de servizos xerais), e unidades de apoio como pediatra, matrona e traballador social.

En canto a actividade asistencial, este equipo multidisciplinar realizou o pasado ano un total de 17.000 consultas, entre as de adultos e nenos, e un cento de cirurxías menores.

21 de marzo de 2016 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.