O Museo de Pontevedra conmemora o Día da Muller cunha conferencia sobre os estereotipos na indumentaria feminina do século XIX
“Na gaiola: muller e indumentaria no seculo XIX” é o título da conferencia coa que o Museo de Pontevedra conmemora o Día Internacional da Muller Traballadora. Os estereotipos da moda feminina e o rol social da muller naquela época serán abordados a través da arte, nomeadamente a través das artes plásticas e do xénero do retrato. A conferencia será impartida por Susana Cendán Caaveiro que, ademais de ser doutora en Historia da Arte Moderna e Contemporánea, é vicedecana da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo en Pontevedra.
A charla basearase na colección de pintura do propio Museo de Pontevedra, que será utilizada como exemplo para establecer a relación entre arte, deseño e moda, xa que a conferenciante, ademais de ser unha experta na materia, conta con amplos coñecementos sobre os fondos do Museo. A escolla do século XIX como marco temporal que se vai analizar nesta actividade responde a que foi nesa época cando as mulleres comezaron a reivindicar grandes cambios cara a unha sociedade máis igualitaria, como foi a loita polo sufraxio feminino, o acceso á educación, a capacitación profesional e a apertura de novos horizontes laborais.
A través dos estereotipos que imperaban na época para a moda feminina e que permanecen representados nas obras que se analizarán, darase conta da realidade á que a muller estaba supeditada e da súa evolución histórica desde aquel momento ata a actualidade.
A conferencia terá lugar, ás 19:00 horas, no Salón de Actos do Sexto Edificio. Tras o acto as persoas interesadas poderán visitar, da man do persoal do Gabinete Didáctico, as obras da colección do Museo seleccionadas na disertación. Para esta actividade non é preciso inscrición previa e a entrada será libre ata completar aforo.











