O laboratorio de función pulmonar do Álvaro Cunqueiro pretende alcanzar a acreditación de máximo nivel asistencial
Alcanzar a acreditación do máximo nivel asistencial. É o obxectivo que se marcaron as responsables do Laboratorio de Función Pulmonar do Hospital Álvaro Cunqueiro, unha vez que se puxo en marcha a pletismografía e que en breve poderá iniciarse a cicloergometría.
As novidades e o funcionamento do laboratorio foron obxecto dunha sesión clínica que impartiron as pneumólogas Cristina Ramos e Marta Núñez, que están á fronte da Unidade. “Ata agora estabamos cun laboratorio de 2º nivel, pero xa temos a dotación para poder acreditarnos como de 3º nivel, porque no Álvaro Cunqueiro cumprimos todos os requisitos que exixe a Sociedade Española de Pneumoloxía”, explica a doutora Cristina Ramos.
Previamente, e desde que se produciu a reordenación da EOXI de Vigo, as responsables do laboratorio realizaron un considerable traballo para que todo o sistema relacionado coa Unidade estea agora xa en rede e unificáronse todas as axendas de actividade. Nese sentido, as pneumólogas fixeron especial mención do labor que realizan a diario as tres enfermeiras fixas do laboratorio e das dúas que están en proceso de formación, “sen cuxa axuda non se podería poñer en marcha todo o que nos vai a permitir ter un laboratorio pulmonar de máximo nivel”. Tamén fixeron fincapé na importante colaboración de secretarias e administrativas do servizo.
O traballo actual da Unidade é “facer as instalacións accesibles para outros servizos”, é dicir colaborar e facer novos estudos con outras especialidades, “xa que a función pulmonar e a fisiopatoloxía son a base de moitas enfermidades”, sinala a doutora Ramos. Outra das vantaxes da mellora asistencial e tecnolóxica do laboratorio é a “comodidade” para os pacientes, que non terán que ser derivados a outras áreas sanitarias de Galicia para a realización das probas máis complexas porque se poderán facer no Álvaro Cunqueiro.
Na formulación de traballo que fixeron Cristina Ramos e Marta Núñez, inclúese unha proposta de división das tarefas en distintos niveis asistenciais: Atención Primaria, consultas externas e hospitalización. A diversificación da actividade realízase para optimizar os recursos existentes e poder realizar o maior número de probas con a máxima calidade.
Atención Primaria
Tanto Cristina Ramos como Marta Núñez consideran fundamental a actividade en Atención Primaria: “Unha gran maioría de casos pódense diagnosticar coas espirometrías que se realizan en Primaria. De feito, só entre xaneiro e novembro do pasado ano realizáronse 6.274 probas en Atención Primaria na área viguesa, unha cantidade que case triplica ás que se realizan noutras áreas”.
Como consecuencia, a porcentaxe de pacientes que necesitan ingreso é moito máis baixo na área do Vigo que nas do resto de Galicia, o que supón unha mellora asistencial e un aforro de recursos moi importante. Dende fai 5 anos unha das lineas estratéxicas mais importantes do Servizo de Pneumoloxía foi dar o máximo apoio y capacidade resolutiva a Atención Primaria, con algúns programas formativos innovadores para os profesionais de este importante ámbito asistencial que han levado a que sexa a área sanitaria galega que realizas mais estudos espirométricos, con o maior número de profesionais acreditados para facelo y con o menor número de ingresos dos doentes con enfermidade pulmonar obstrutiva crónica.
A doutora Ramos explicou que o laboratorio e as análises de resultados de probas que se realizan “está en condicións de potenciar aínda mais a colaboración con outras servizos, coa achega de datos para os diagnósticos”. Como exemplos citou as enfermidades neuromusculares, a avaliación de síntomas e resultados en pacientes con bocio antes e despois da tiroidectomía total e, por suposto, nos casos de cancro de pulmón.











