publicidade hoxe

O Igape participa no 50 aniversario do Polígono de San Cibrao achegando as súas liñas de apoio ás pemes de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Cibrao das Viñas
A-
A+

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) participará na iniciativa San Cibrao, o Polígono nunca visto, que se celebrará durante os dous próximos días no recinto feiral Expourense. O Instituto achegará ás pemes e emprendedores ourensáns os seus servizos e programas de apoio á actividade empresarial, a través do espazo expositivo propio co que contará na mostra que conmemora o 50 aniversario do parque empresarial.

Máis dunha ducia de empresas mostrarán aos asistentes os seus mellores produtos nesta iniciativa. O programa da celebración do 50 aniversario do polígono inclúe, mañá venres, unha xornada sobre as oportunidades de negocio en Alxeria e Marrocos, e o sábado, 2 de abril, un foro de emprendemento con exemplos de actitude emprendedora na provincia.

Para promover e apoiar os investimentos empresariais, a Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén activados, a través do Igape, os programas Galicia 1000 e Galicia Inviste, que ofrecen préstamos directos, préstamos participativos, capital risco ou préstamos bonificados e avalados.

Ao abeiro das novas bases de apoio ao investimento produtivo (Galicia Inviste), dotadas con 12 millóns de euros, a Xunta apoiará tamén ás pemes que impulsen proxectos a partir de 50.000 euros con axudas que poden cubrir ata o 35% dos investimentos. Apoiaranse no marco desta liña os proxectos de investimento en bens de equipo e os proxectos xeradores de emprego.

31 de marzo de 2016 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.