O goberno galego reitera o seu compromiso coa estación de autobuses intermodal da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Xunta de Galicia reiterou hoxe o seu compromiso de impulsar a nova estación intermodal da Coruña e instou ao Concello a concretar o antes posible a súa proposta de aparcadoiro para poder desbloquear esta actuación. Así llo trasladaron esta mañá a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, ao concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, durante o encontro que mantiveron para coordinar os avances nesta infraestrutura.

Os representantes do Goberno galego manifestaron que a intención da Xunta é iniciar de forma inmediata o proceso de contratación da redacción do proxecto da nova terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril, pero destacaron que posto que o proxecto incluiría tanto a estación de autobuses como o aparcadoiro baixo a mesma, resulta imprescindible definir previamente a configuración do aparcadoiro, unha actuación que debe concretar a Administración local.

O representante do Concello da Coruña avanzou na reunión de hoxe o compromiso municipal de atender esta solicitude da Xunta e achegar esta información no prazo dunha semana.

A directora xeral de Mobilidade destacou que o Goberno galego dispón dunha partida de 10 millóns de euros consignada como plurianual para desenvolver a nova estación de autobuses da Coruña, e abondou na vontade da Xunta de avanzar no deseño mediante a contratación do proxecto construtivo.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta na provincia lembrou que a Xunta está a apostar con determinación pola intermodalidade dos transportes en Galicia e está a avanzar na redacción dos proxectos construtivos das estacións intermodais en cidades como Vigo, Santiago ou Ourense. Por ese motivo, resaltou que cómpre que o Concello da Coruña clarifique o antes posible o alcance da súa participación na infraestrutura para evitar que se produzan máis retrasos.

10 de marzo de 2016 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.