O Festival Mondoñedo é Poesía pon en valor as voces literarias actuais e a tradición poética mindoniense
A nova edición do Festival Mondoñedo é Poesía regresa en 2016 cun programa dirixido a lle achegar á cidadanía este xénero literario, a través da posta en valor do patrimonio literario mindoniense e das voces actuais das letras galegas. Con este obxectivo, a terceira edición do evento, que se celebrará o vindeiro 1 de maio no municipio lucense, contará coa participación de destacadas figuras, como María Lado e Lucía Aldao, Antonio García Teijeiro, Mª José Fernández, Antía Juncal, Martiño Maseda, Darío Xohán Cabana, Mateo Buján, Margarita Bermúdez, Moncho García, Raúl Costas, Xosé Ruíz Leivas, Xosé Artiaga, Carmen Rodríguez Lage e César Morán, xunto co Coro Mestre Pacheco.
Estes autores e autoras serán os protagonistas do recital poético na rúa que se desenvolverá a partir das 18:00 horas nas prazas da Catedral, do Concello e Jaime Cabot. A continuación, o auditorio Pascual Veiga será o escenario dun recital poético-musical en homenaxe ao poeta asturiano e bispo de Mondoñedo Manuel Fernández de Castro.
A programación desta terceira edición do festival foi presentada hoxe na Cidade da Cultura de Galicia polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; polo presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Souto; e por Antonio Reigosa, membro do colectivo Mondoñedo É. Estas dúas últimas entidades son as promotoras dun festival que conta un ano máis coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura e do Concello de Mondoñedo, e que se desenvolverá o primeiro día do mes das letras en diversas prazas e rúas do concello mindoniense, aínda que na véspera, o 30 de abril, xa comezarán algunhas das propostas.
Ese día, terá lugar a iniciativa ‘Debuxando Mondoñedo’, así como a ‘Expo-libro Mondoñedo’, que se prolongará ata o 1 de maio. Estas actividades paralelas completaranse coa exposición fotográfica ‘Mondoñedo sentimental. Vidas e paisaxes’ e cun ‘Tendal de poesía’, que amosará diversos traballos realizados por escolares.
Divulgación da poesía en galego
Mondoñedo é Poesía ten como principal finalidade achegar este xénero literario á rúa para a súa difusión entre todos os públicos, poñendo en valor o patrimonio literario mindoniense en particular e o galego en xeral. Partindo do legado literario de figuras como as de Álvaro Cunqueiro, de Leiras Pulpeiro, Díaz Jácome e moitos outros escritores nados en Mondoñedo ou que tivesen este concello como lugar de formación ou inspiración, o festival quere dar a coñecer novas figuras literarias que cultivan a poesía en galego a través de actividades dirixidas a todas as idades.
A Academia de la Llingua Asturiana, o IES San Rosendo, o CEIP Álvaro Cunqueiro e a Deputación de Lugo tamén apoian a terceira edición do festival.