O director xeral de Inclusión entrega os diplomas do curso de camareiro de H+D

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Entrega de diplomas

Entrega de diplomas

O director xeral de Inclusión, Arturo Parrado, entregou os diplomas do curso de camareiro de sala e barra financiados pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo (FSE) e organizados pola Fundación Humanismo e Democracia H+D. No acto que tivo lugar na Asociación de Hostalería de Santiago o director xeral subliñou a importancia da inclusión social para acadar “a interacción das persoas coa sociedade cos mesmos dereitos e oportunidades”.

Estes cursos de 100 horas e que contaron con 12 participantes realízanse ao abeiro do Programa de Actuación dos itinerarios de Inclusión Social (IPI) e cursos formativos para persoas en risco de pobreza e exclusión social e están destinados a persoas desempregadas en proceso de inserción sociolaboral. Arturo Parrado salientou que tanto a Consellería de Política Social como o seu departamento traballarán “para que ningún galego ou galega quede esquecido nesta etapa tan importante que afrontamos chamada recuperación”.

O director xeral de Inclusión asegurou que para conseguir que “as persoas que peor o están pasando poidan vivir un pouco mellor, teñan máis benestar e unha maior calidade de vida, apoiámonos e apoiarémonos no resto das administracións así como nas entidades sociais de Galicia, porque elas son as que mellor coñecen a realidade destas persoas”. Nesta liña recordou o aumento do orzamento autonómico destinado á Inclusión e precisamente lembrou que a Xunta vén de duplicar o investimento da Orde de Entidades de Inclusión Social.

A Fundación Humanismo e Democracia, H+D ONG é unha entidade non gobernamental de cooperación internacional ao desenvolvemento e acción social. Destaca da súa traxectoria o recoñecemento como entidade cualificada pola Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación. Como criterio xeral, ofrece un enfoque preferente en favor do fortalecemento das institucións -tanto das Administracións como da sociedade civil- e da igualdade de oportunidades e a non discriminación das persoas. Nos últimos anos, vén realizando un notable esforzo no ámbito da acción social cara á poboación con factores de vulnerabilidade e risco de exclusión social.

8 de marzo de 2016 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.