O deputado provincial de Cooperación visita ás obras de mellora no paseo do río Miño

Visita ás obras de mellora no paseo
O deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, visitou esta mañá xunto o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín, as obras que se están a levar a cabo no paseo do río Miño. Durante a visita Pablo Pérez destacou que a Deputación de Ourense en cooperación co Concello de Ourense está a realizar estas actuacións para reparar os desperfectos do temporal”, e destacou a celeridade do ente provincial para cooperar e solucionar este problema urxente e acometer as obras”. O deputado provincial sinalou que a Deputación de Ourense “coopera cos 92 concellos da provincia, atendendo ás necesidades para a que é requirida, incluso con actuacións urxentes coma esta que resultan prioritarias, tendo en conta que o termalismo é unha das principais potencialidades da provincia de Ourense”.
Estas obras de mellora supoñen un investimento de 42.000 euros dos que a Deputación de Ourense achega algo máis de 35.000 euros e o Concello algo máis de 6.000 euros. Trátase dunha actuación conxunta entre a Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e a Confederación Hidrográfica Miño Sil, para acondicionar os sendeiros peonís e as marxes do río Miño entorno a 13 quilómetros de lonxitude, tralos destrozos ocasionados pola crecida do río. As obras requiren de urxencia tendo en conta a gran afluencia de xente que se espera que visiten esta zona termal. En canto a achega de cada administración, a Deputación de Ourense encárgase da man de obra, da maquinaria e da tramitación administrativa para a execución da obra; o Concello de Ourense do material e persoal técnico, e a CHMS leva a cabo labores de poda e limpeza nas marxes do río.











