O conselleiro de Política Social destaca o traballo pedagóxico e de apoio de Anhida A Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Rey Varela na visita ás instalacións da asociación. Foto: M. Fuentes

Rey Varela na visita ás instalacións da asociación. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe a sede da Asociación de Nenos con Déficit de Atención con/sen Hiperactividade (Anhida), onde mantivo unha xuntanza de traballo cos responsables desta entidade que traballa para conseguir un desenvolvemento completo de menores afectados por este trastorno. Na visita e posterior reunión tamén participou o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente.

O titular autonómico encomiou o labor que desenvolve este grupo de nais e pais de menores afectados polo TDAH nas súas diferentes manifestacións, e que pode ir acompañado de fracaso escolar, de condutas antisociais ou mesmo agresivas, ou de baixa autoestima. Ao respecto, o conselleiro destacou a importancia que ten o apoio que se lle presta dende a asociación a estes nenos e nenas que permite evitar situacións de exclusión nas aulas e superar outras dificultades coas que se atopan na súa vida cotiá, favorecendo así a súa normal integración e desenvolvemento na sociedade.

Obradoiros para menores, titores e familiares

A Asociación de Nenos con Déficit de Atención con/sen Hiperactividade é un grupo de nais e pais de nenos afectados polo TDAH nas súas diferentes manifestacións. Á entidade acoden pais, nais, mestres e persoal de asuntos sociais dos diferentes concellos da provincia coruñesa, solicitando axuda para os menores afectados de TDAH ou por calquera outra dificultade que poidan presentar.

Algunhas das actividades que realiza esta entidade son, entre outras: a organización de congresos, charlas, cursos e xornadas de divulgación do trastorno e a súa intervención familiar e educativa; a realización de obradoiros psicopedagóxicos, de creatividade e control de impulsos e de terapia cognitivo-condutual para rapaces expulsados das aulas con problemas familiares; ou actividades dirixidas a titores e familiares dos rapaces con TDAH.

1 de marzo de 2016 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.