O concurso “Quero Cantar” recibe as primeiras cancións que entrarán en concurso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Unha canción do grupo “Proxecto Nordés”, formado por rapazada da escola municipal de música de Cee inaugura as propostas participantes no concurso “Quero Cantar” convocado pola Deputación da Coruña. O prazo está aberto ata o próximo 15 de abril.

A música está composta por Fernando Fraga -director do grupo e da Escola municipal de música de Cee- e a letra é un poema de Diego Antonio Cernadas de Castro, “O Cura de Fruime”. A canción “Antón” do grupo Proxecto Nordés, foi a primeira presentada para participar no concurso “Quero Cantar”, convocado pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.

O grupo Proxecto Nordés adiantouse na presentación da súa canción preparada na Escola municipal de música de Cee, un dos centros de ensino musical vinculados a concellos que mostraron desde o inicio interese en participar na nova iniciativa da Deputación da Coruña.

Queda aínda un mes para rematar o prazo de presentación de temas ao primeiro concurso musical infantil na nosa lingua que terán que ser remitida en formato audio ou video cunha canción orixinal e inédita en galego. A condición para participar é que a voz ou voces solistas teñen que ser de nenas ou nenos de ata 12 anos de idade. O resto dos integrantes do grupo non están suxeitos ao límite de idade.

A primeira clasificación realizarase por votación popular a través da páxina de facebook e as 10 primeiras formarán parte dun CD que se distribuirá polos colexios galegos e de libre descarga na páxina www.querocantar.gal. As cinco primeiras participarán na gala final no Teatro Colón da Coruña da que sairá a proposta gañadora e as finalistas.

O concurso, que é iniciativa da área de Normalización Lingüística da Deputación que ten á fronte á nacionalista Goretti Sanmartín, busca “incentivar a esa enorme cantidade de rapazas e rapaces que en toda Galicia alimentan a súa paixón pola música na nosa lingua e se forman en escolas, bandas, coros ou asociacións”.

15 de marzo de 2016 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.