O Concello de Santiago culpa á Xunta do abandono de Lavacolla pola empresa Turkish Airlines

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, considerou que o feito de que Turkish Airlines cese os seus voos dende o aeroporto da cidade a partir de xuño se debe a que “non existe unha política aeroportuaria coordinado no país”, e en concreto criticou que “non haxa a suficiente implicación da Xunta” nela, “a pesar dos esforzos que se están a facer entre varios concellos”, en concreto o compostelano e o da Coruña, que goberna a Marea Atlántica.

Así, aínda que tamén o Ministerio de Fomento ten “interese””en que esa política aeroportuaria exista”, o rexedor da capital galega, de Compostela Aberta, a preguntas dos xornalistas tras coñecerse a decisión da compañía turca, opinou que non existe “a suficiente implicación da Xunta”, do Partido Popular.

Dito isto, engadiu que “a relación que había” con Turkish Airlines residía nun convenio de colaboración “non baseado en cuestións económicas”, xa que esta empresa “non opera baseándose en cuestións económicas nin ás liñas de subvención e unicamente opera por resultados”.

“Recoñece que o aeroporto de Compostela é o mellor aeroporto do país, pero si bota en falta unha política aeroportuaria coordinada, como botamos moitos,” incidiu.

O acordo en cuestión, segundo recordou Noriega, renovouse recentemente, pero reiterou que “non existe compromiso económico”, senón que se materializa en fórmulas de colaboración. Ao amparo do convenio, “o concello ten postas en marchas varias liñas de introdución, porque o convenio con Turkish era importante porque era a porta de entrada do mercado asiático, e de promoción da cidade non soa no destino de Turkish, mesmo no mercado asiático había varias liñas de traballo abertas para actuar alí con delegacións empresariais de dinamización da cidade”.

Ao respecto, insistiu en que “era un convenio que nese sentido non ata economicamente á aerolínea, porque non funciona coas liñas de subvención,”, e comentou que “vén desenvolvéndose na cidade dende hai anos” e se volveu asinar “hai uns meses.

Agora, “evidentemente”, o alcalde santiagués informou de que a Casa do concello “establecerá interlocución con Turkish”, porque non dispón de “información oficial”.

“Pero eu creo que o que queda enriba da mesa é que non hai política aeroportuaria cooordinada, e nós xa o dixemos tanto co presidente da Xunta na reunión como co ministeiro, que non temos ningún problema en coordinarnos. É certo que con vigo existen moitos máis problemas… pero con A Coruña. E Fomento entende que esa colaboración é interesante”, fixo fincapé.

Noriega remachou apuntando que “todos” demandaron nese encontro en Madrid de la Xunta “unha posición proactiva de mediación”, no que “non pode ser unha poxa de casino”.

CONCELLEIRA DE TURISMO

Posteriormente, en rolda de prensa cuestionada por este asunto, a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois, asegurou que a supresión do voo de Turkish Airlines, que comunica Santiago con Estambul e que pasará a comunicar Oporto coa cidade do Bósforo, débese á “falta de coordinación” exercida pola Xunta entre os tres aeroportos galegos, que “seguen indo (cada un) pola súa conta”.

Neste sentido, subliñou que é a Xunta a que debe coordinar os tres aeroportos galegos para que “haxa unha política” que lles permita “competir con Oporto”, a área dos cales, dixo, “supera os 3 millóns e medio de habitantes”.

Así mesmo, confirmou que o Concello de Santiago “aínda non recibiu a confirmación oficial do abandono da compañía” e que o goberno local espera “reunirse con esta a próxima semana” para facerlle “cambiar de opinión”, aínda que non cre que sexa “doado”.

Nesta liña, destacou a “sorpresa” que supuxo para o Concello compostelano a aposta por Oporto xa que, recentemente, se negociaran acordos para establecer estes servizos aéreos durante os meses de febreiro e marzo.

Así mesmo, recoñeceu que, a nivel cuantitativo, o número de pasaxeiros da liña aérea con Turquía non era elevado, xa que se situaba en torno a 13.000 viaxeiros ao ano. Non obstante, destacou a importancia do acordo coa compañía debido a que é a “porta aos mercados asiáticos” para Galicia.

10 de marzo de 2016 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.