publicidade hoxe

O Concello de Marín está disposto a entrar no Plan Compost da Deputación de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarínPontevedra
A-
A+

O Concello de Marín está disposto a sumarse ao Plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra para aplicar a compostaxe como sistema de tratamento e recollida de lixo. Así o indicou hoxe a alcaldesa María Ramallo tras unha reunión co vicepresidente provincial César Mosquera, quen explicou á rexedora os pormenores do plan provincial e afondou sobre os beneficios económicos e ecolóxicos que supón a súa aplicación.

O vicepresidente provincial lembrou que a normativa europea obriga ás administracións locais no ano 2020 a preparar para a reciclaxe o 50% dos residuos sólidos urbanos, algo que non se pode acadar de non tratar a fracción orgánica da bolsa do lixo (restos de comida e vexetais). “Nós respectamos a autonomía municipal, pero apostamos por este sistema porque está demostrado con éxito noutras localidades e é perfectamente asumible en todos os concellos da provincia adaptándoo ás súas peculiaridades”, dixo, para convidar ao goberno local marinense a sumarse ao programa provincial. Na primeira fase do Plan Compost, de feito, o Concello de Marín non presentou ningunha solicitude para obter os centros de compostaxe comunitaria que vai repartir a Deputación.

A rexedora marinense explicou que o seu goberno local está inmerso na redacción do novo prego do contrato do lixo, xa que o actual vence en xaneiro de 2017. Así, subliñou que lle parece precipitado “pensar nun cambio total do sistema actual” para aplicar a compostaxe, pero destacou que “se houbera máis tempo, probablemente se adoptaría esa vía”. Neste sentido, Ramallo explicou que se traballará progresivamente cara a recollida separada dos orgánicos e así se demostrará nas condicións que se marcarán para a nova concesión.

“Queremos sumarnos á compostaxe con experiencias non erradas para que a xente as tome en serio. Estamos abertos a explorar a solicitude dos centros de compostaxe comunitaria en vindeiras fases do Plan Compost, pero temos que ver cal é a resposta dos veciños e ver se algunha iniciativa prende e poder solicitar os composteiros segundo as bases e requisitos da Deputación”, manifestou Ramallo.

A alcaldesa, que estivo no encontro coa concelleira de Medio Ambiente, María Sanmartín, quería coñecer de primeira man diferentes cuestións do Plan Compost e aclarar dúbidas sobre a posibilidade de adherirse tendo en conta as características do caso particular do concello marinense. O vicepresidente Mosquera puxo sobre a mesa os datos económicos e melloras ambientais, salientando o aforro económico que supón para os concellos o poder tratar o45% do lixo (parte orgánica do total) no mesmo sitio onde se produce.

Ante a receptividade da rexedora, o vicepresidente manifestou a súa satisfacción e destacou que sería “de sumo interese” contar co Concello de Marín dentro da aposta pola compostaxe como sistema alternativo de tratamento de lixo. “Sería moi positivo que o eixo Bueu-Marín-Pontevedra traballase na mesma liña para que os veciños, de concellos tan próximos e cunha implicación tan forte, tiveran as mesmas normas”, subliñou Mosquera.

O vicepresidente, así mesmo, convidou a María Ramallo e aos técnicos locais do seu concello a facer as consultas que considere pertinentes e a traballar en conxunto co asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, co obxectivo de orientar o novo prego do contrato do lixo cara á compostaxe.

31 de marzo de 2016 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.