O BNG pide que se aclaren as adxudicacións a Eulen e que se depuren responsabilidades
A concelleira do Grupo Municipal do BNG no Concello da Coruña Avia Veira espera que a documentación solicitada pola Policía Xudicial este mércores en dependencias da casa do concello coruñés, sobre adxudicacións de Cultura en 2011 e 2012, “aclare o por que foi adxudicataria Eulen”, sinala sobre uns destes contratos.
En concreto, axentes da Unidade de Delitos Económicos e Fiscais (UDEF) levaron, por orde xudicial, o expediente relativo á subministración e xestión de material bibliográfico con destino á sala de adultos da biblioteca Ágora, adxudicado á empresa Xestión Bibliotecaria e Documental e o dos servizos bibliotecarios complementarios para o sistema municipal de bibliotecas da Coruña, adxudicado a Eulen.
Nun comunicado, a edil nacionalista recorda que o BNG denunciou, en novembro do ano pasado, “as posibles irregularidades na adxudicación a Eulen”. Así, sostén que foi “unha chapuza” e que chegaron a existir “dous informes diferentes para a valoración das ofertas económicas”.
Tamén apunta que se cometeron “erros de cálculo nun dos informes” e que “se cambiaron criterios” para a adxudicación noutro. Por iso, recorda que denunciaron a existencia de “dous informes diferentes para a valoración das ofertas económicas”.
BENEFICIO A MULTINACIONAL
Para o BNG, a adxudicación final dos servizos complementarios de bibliotecas fíxose naquel momento “baixo criterios subxectivos e en detrimento dunha pequena empresa coruñesa”, sinala sobre LTM Servizos Bibliotecarios.
Pola contra, o BNG sostén que “se beneficiou a unha empresa multinacional, empresa da que era e segue sendo responsable en Galicia a irmá do señor Feijóo”, sinala en alusión a Micaela Núñez Feijóo, directiva de Eulen.
Por iso, afirma que espera que estas investigacións “aclaren o por que foi adxudicado este servizo dun xeito tan subxectivo e que se depuren responsabilidades alcancen a quen alcancen”, apunta.











