O BNG pide que a investigación na Operación Pulpo remate o máis rápido posible
O voceiro do BNG na Deputación de Lugo e responsable da área de cultura, Xosé Ferreiro, apremou “celeridade” na ‘Operación Pulpo’, na que o xulgado de instrución número 1 de Lugo investiga supostos fraudes nas subvencións públicas e amaño en contratacións durante a etapa de Francisco Cacharro (PP) e José Ramón Gómez Besteiro (PSOE).
Malia urxir que se peche “canto antes” a investigación que leva a xuíza Pilar de Lara, Ferreiro ofreceu dende o Bloque “unha total colaboración coa xustiza para que se aclare canto antes todo o relacionado con esta operación”.
“E subliño canto antes, porqué parécenos fundamental pola tranquilidade da cidadanía, polo funcionamento da institución e, polo tanto, que esta investigación se leve a cabo o máis rápido posible. O que non pode ser é que estea meses e meses parada por dicilo así; que conclúa canto antes e se pase a xuízo se fose o caso”, razoou.
Ferreiro, con todo, opinou que non se está a alterar o “normal” funcionamento da institución, “para nada”. Ao respecto, apelou a que o próximo martes 29 hai un pleno que augura que “se”vai celebrar con total normalidade, mesmo van os presupostos para 2016 e outras iniciativas”.
“Dende a área de cultura, cando menos, non noto que afecte en absoluto ao que é o traballo diario”, resolveu. Por último, recoñeceu que este martes axentes da UDEF, por mandato da xuíza, “foron buscar documentos sobre a fundación Balogal, dos estatutos e de persoas que están nesa fundación”, vinculada ao deporte, que é outra das áreas que levan os nacionalistas no goberno da Deputación.
PRESUPOSTOS
Polo demais, o voceiro do BNG confía que se saquen adiante as contas provinciais, no pleno do próximo martes, “se non co respaldo unánime” de toda a corporación, si co respaldo do grupo popular.
“Estou convencido de que van ser aprobados se non é por unanimidade cando menos con 24 votos”, que sería a suma do bipartito, 10 deputados o PSOE e dous o BNG, máis os doce do PP -co que quedaría á marxe o deputado non adscrito e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez-.











