Noriega considera estéril a ameaza do PSOE de romper pactos locais con Podemos
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, cualificou este luns de “estéril” a “ameaza” lanzada polo PSOE ao condicionar o mantemento dos pactos locais con Podemos a que a formación morada apoie a Pedro Sánchez para que sexa investido presidente. De feito, interpretou que os socialistas unicamente están “a manter un xogo de escenificación con vistas a unhas novas eleccións”.
“Non me dá a sensación de que verdadeiramente queiran gobernar”, incidiu o rexedor da capital galega, a preguntas dos xornalistas, á vez que aconsellou ao PSOE que se preocupe de abrir unha nova etapa” e que teña en conta “a aritmética das novas vontades dunha esquerda plural”. “Permitiríalle contar con máis apoios dos que contou até agora”, apostilou.
Máis aló do ámbito nacional, no referido á súa relación cos socialistas no plano local, lembrou que a postura do PSOE no Concello de Santiago foi absterse na investidura do candidato a alcalde máis votado, sen “máis colaboración” nos meses posteriores. Por tanto, afirmou que non sente “para nada interpelado” pola “ameaza”.
Incidindo na idea de que “houbo moi pouco amor” entre Compostela Aberta e o PSOE, o alcalde de Santiago sinalou que o pleno de orzamentos permitirá “testar” a posición do grupo que lidera Paco Reyes. Se “respecta” que o equipo de goberno poida contar “cunha ferramenta orzamentaria” propia ou prefire deixar á cidade “cuns orzamentos prorrogados do PP”, expuxo.
“UNHA ESCENIFICACIÓN”
Finalmente, sobre se as dificultades para a investidura desaniman á esquerda, Noriega dixo que percibe “frustración na rúa”. “É a sensación de que todo o que levamos vivindo estes meses non é tanto a tradución do resultado electoral como unha escenificación encamiñada a buscar rendibilidades nun futuro proceso”, abundou.
Así se explican, ao seu xuízo, os argumentos “moi pobres” empregados polo PSOE ao “acusar ao resto da esquerda partidaria e social de obstaculizar un goberno alternativo ao PP” mentres elixe como “socio prioritario” a Ciudadanos, “unha forza claramente asentada na dereita”.
“Non é serio”, recalcou o primeiro edil compostelán, máxime, á vista de que a esquerda achegaría “máis apoios” a Pedro Sánchez “desde o punto de vista aritmético”. Deste xeito, dado que “o PSOE está a dar as costas a esa aritmética”, concluíu que “non quere verdadeiramente gobernar”.











