Nava Castro presenta en Paraguai o Camiño de Santiago como produto turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Nava Castro na presentación en Paraguai

Nava Castro na presentación en Paraguai

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, realizou na capital paraguaia de Asunción unha presentación dirixida aos axentes e turoperadores máis importantes do país sobre o Camiño de Santiago como produto turístico que contou coa participación da Ministra de Turismo de Paraguai, Marcela Bacigalupo.

Na súa presentación, a directora de Turismo de Galicia resaltou as posibilidades que ofrece Galicia, destacando que é un destino de contrastes cunha morea de opcións entre as que resaltou a cultura e o patrimonio, a natureza, o termalismo, a gastronomía e as súas principais cidades e o turismo rural, entre outros recursos.

Así, a oferta diferencial do destino Galicia xunto co Camiño de Santiago protagonizaron a exposición realizada por Nava Castro.

A directora de Turismo de Galicia afirmou que o Camiño constitúe un dos produtos estrela de Galicia e explicou que é un itinerario vivo dende fai máis de 1.200 anos.

Durante o seu relatorio, fixo referencia aos diferentes itinerarios históricos que constitúen a Ruta Xacobea así como do patrimonio vinculado a eles e do significado de intercambio cultural da civilización europea que ten o Camiño de Santiago. Deste xeito, a responsable de Turismo da Xunta incidiu nos aspectos culturais e patrimoniais vinculados ao Camiño e ao fenómeno das peregrinacións.

As infraestruturas e a rede de servizos da Ruta, así como a oferta vinculada a ela existente en Galicia ou os produtos turísticos que xurdiron arredor do Camiño foron algúns dos aspectos abordados tamén pola directora de Turismo de Galicia no seu relatorio.

Plan Director e Smart Camiño

Por outra parte, Nava Castro falou do Plan Director do Camiño de Santiago do cal explicou que supón unha ferramenta de xestión para a administración turística autonómica e unha folla de ruta que marca as directrices para favorecer a conservación e protección do Camiño en Galicia, atendendo a todos os axentes, públicos e privados, implicados no mesmo.

Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta fixo fincapé nun dos principais proxectos deste Plan xa posto en marcha: o Smart Camiño. Nava Castro destacou que este proxecto ofrecerá atención integral aos miles de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago cada ano poñendo á súa disposición os servizos tecnolóxicos máis avanzados. Así, explicou que a iniciativa inclúe a posta en marcha de una web e unha aplicación móbil específica para a Ruta Xacobea e a dotación de WIFI en toda a rede pública de albergues do Camiño.

No día de hoxe, a directora de Turismo de Galicia realizará outra presentación na cidade paraguaia de Ciudad del Este.

29 de marzo de 2016 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.