Medio Rural informa aos agricultores e gandeiros da provincia de Lugo de diferentes liñas de subvencións abertas neste momento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Xunta de Galicia está a informar aos agricultores e gandeiros da provincia das diferentes liñas de axudas que están abertas neste momento, a través dunha serie de xornadas organizadas pola Consellería do Medio Rural en diferentes puntos da provincia de Lugo.

O obxectivo é dar a coñecer aos propietarios das explotacións agrícolas e gandeiras as principais novidades que se introducen na convocatoria deste ano.

Así, programáronse oito sesións informativas sobre as axudas da Política Agrícola Común (PAC), que inclúe tanto pagamentos directos como axudas de desenvolvemento rural.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, valorou a realización destas xornadas como unha oportunidade de facer chegar aos gandeiros información de primeira man sobre os detalles das axudas e resolver as dúbidas que poidan xurdir.

Ao respecto, a delegada destacou que “nos dous últimos meses do 2015 a Xunta destinou máis de 51 millóns de euros en axudas da PAC aos agricultores e gandeiros lucenses, case a metade do importe pagado en toda a comunidade”.

Os técnicos da consellería imparten hoxe mesmo unha destas xornadas no Concello da Fonsagrada, despois de ter celebrado recentemente unha sesión informativa nas instalacións da Delegación Territorial da Xunta en Lugo.

Para as vindeiras semanas prográmanse charlas en San Román de Cervantes, o día 10 de marzo; e en Mondoñedo e Ribadeo, o día 17 do mesmo mes. Tamén está prevista a celebración de sesións informativas nos concellos de Trabada e Abadín e nas instalacións da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), en Lugo. As datas comunicaranse proximamente.

Entre os pagamentos directos da PAC inclúense o Pagamento Básico, o Pagamento Verde, a Pagamento aos agricultores mozos e as axudas ligadas á produción. Estas últimas contemplan as liñas de axuda orientadas ao vacún de leite, ao vacún de carne, ao gando ovino e cabrún, ao vacún de cebo, axudas para cultivos proteicos e axudas para legumes de calidade.

Unha das novidades mais importantes, e que afecta fundamentalmente aos gandeiros de leite na axuda de Pagamento Verde, é que a superficie de interese ecolóxico pode xustificarse cun segundo cultivo que se implante despois do cultivo principal e que pode evitar que teñan que deixar superficies a barbeito.

No que respecta ás subvencións de desenvolvemento rural, contémplanse as subvencións de agroambiente e clima, as axudas para agricultura e gandería ecolóxica e as destinadas a zonas con limitacións naturais.

O prazo para a solicitude das diferentes liñas de axuda da PAC remata o 30 de abril.

Outras iniciativas

A Consellería do Medio Rural, a través do servizo de Explotacións Agrarias da Xefatura Territorial de Lugo, tamén está a informar ás cooperativas e asociacións de produtores que o soliciten da Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se convocan axudas para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, e ás que a Xunta destina un importe global de 57,5 millóns de euros para toda Galicia.

Os técnicos da consellería xa informaron sobre este programa nas instalacións da cooperativa ICOS de Chantada e na sede de Ovica. A data límite para optar a esta orde de axudas é o 18 de marzo.

Igualmente, persoal da Xunta impartiu hai uns días en Monforte unha sesión informativa sobre a regulamentación que rexe o potencial de produción vitícola das denominacións de orixe.

O obxectivo desta sesión foi o de dar a coñecer a viticultores, adegueiros e persoal técnico das adegas a nova normativa que regula os procedementos a través dos que se pode solicitar autorización para novas plantacións, para replantacións e para a conversión de dereitos de plantación de viñedos en autorizacións. O prazo para solicitar estas autorizacións remata o 15 de marzo.

4 de marzo de 2016 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.