publicidade hoxe

Medio Rural autoriza o uso de “Produto do Eume” para as producións alimentarias de calidade deste territorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CapelaA CoruñaAs PontesCabanasLocal PortadaMonferoPontedeume
A-
A+
Belén do Campo na reunión coa asociación Euroeume

Belén do Campo na reunión coa asociación Euroeume

A Consellería do Medio Rural ven de informar favorablemente o regulamento de uso da marca de garantía “Produto do Eume” para distinguir no mercado produtos alimentarios de calidade orixinarios do territorio da bacía do río Eume. Este informe favorable é necesario para que a asociación promotora desta marca poda facer o seu rexistro na Oficina Española de Patentes e Marcas. Así llelo comunicou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, aos responsables da asociación Euroeume, que promoveu esta iniciativa.

Este colectivo será o titular e responsable desta nova marca, que ten como finalidade achegar ao consumidor produtos ou servizos de calidade autorizados por Euroeume, así como facer promoción deles, promovendo o seu prestixio e imaxe.

Os interesados que sexan autorizados a usar a marca desenvolverán a súa actividade na Comarca do Eume (concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes), así como en comarcas limítrofes (Ferrol, Ortegal, Betanzos e parte dos concellos da Terra Chá), por compartir a bacía do Eume.

Elementos como a produción e distribución a escala local baseada en materias primas da zona (baixa pegada de carbono), produción e manexo tradicional, respecto medioambiental e á paisaxe, así como o fomento do emprego local como elementos de cohesión do territorio serán prioritarios á hora de valorar a concesión do dereito ao uso da marca.

Así mesmo, e dados os valores naturais do territorio ámbito da marca, valorarase a certificación das diferentes producións en “produción ecolóxica” ou “produción integrada” e o cumprimento dos seus requisitos. Será obrigatorio o cumprimento dos plans de ordenación de recursos naturais e o Plan Reitor de Uso e Xestión dos espazos naturais protexidos nos que se asenten as actividades produtivas amparadas pola marca. Tamén é condición imprescindible estar adherido ás diferentes denominacións de orixe protexidas (DOP) e indicacións xeográficas protexidas (IXP) existentes neste ámbito xeográfico, que amparen o produto que pretenda acollerse á marca como produto galego de calidade. As condicións específicas de cada subsector amparado desenvolveranse nos anexos do regulamento.

16 de marzo de 2016 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.