publicidade hoxe

Medio Ambiente licitará este ano as obras que completarán a humanización da travesía de Sabarís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaiona
A-
A+
Beatriz Mato en Baiona

Beatriz Mato en Baiona

A Xunta de Galicia licitará este mesmo ano as obras que permitirán completar a humanización e mellora da Travesía de Sabarís no Concello de Baiona. Así o reiterou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante unha visita ao concello, na que estivo acompañada polo alcalde, Ángel Manuel Rodal Almuíña.

A conselleira lembrou que esta nova actuación, a terceira que executará o Goberno galego para mellorar o estado desta rúa, implica un investimento de máis dun millón de euros, que se suman ao orzamento de 1,8 millóns de euros para as obras da rúa das Areas, que practicamente están rematadas; e para as executadas en 2012 na rúa Julián Valverde.

Con esta terceira fase, mellorarase a contorna da Praza Victoria Cadava, unha zona central desta travesía e pecharse a humanización desta zona do concello de Baiona, ao unir a Avenida de Julián Valverde -tramo humanizado grazas ás obras da primeira fase- e os traballos que se concentraron na rúa Areas, visitada esta mañá.

Beatriz Mato recordou que esta nova actuación, ao igual que as anteriores, está enmarcada dentro do Plan hUrbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego en 2010 e que busca un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas de Galicia; favorecer a cooperación da Administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial na nosa Comunidade. Ao longo destes anos facilitou a execución de 105 actuacións en 67 concellos e mobilizou un total de 112 millóns de euros, dos cales un 40% se destinaron á provincia de Pontevedra, é dicir, máis de 43 millóns de euros.

Trátase dunha firme aposta pola humanización e mellora dos contornos urbanos ,que contribúe ao benestar dos veciños, incrementando a habitabilidade, a comodidades e a sensacións de comunidade; ao tempo que se fomenta a colaboración entre a Xunta e os concellos, para poder ofrecer mellores servizos e recursos aos cidadáns.

A conselleira manifestou que os bos resultados deste Plan animaron ao Goberno galego a facer un novo esforzo, polo que no exercicio de 2016 se consignou unha partida de 6 millóns de euros.

Novo bombeo en Santa Marta

Por outro lado, a conselleira adiantou que outro dos compromisos do departamento que dirixe con este concello é o novo pozo de bombeo de augas residuais na parroquia de Santa Marta. Trátase dunha actuación na que Augas de Galicia investirá preto de 90.000 euros e que substituirá o actual bombeo, duplicando a capacidade e evitando posibles vertidos e alivios.

Para rematar, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destacou que a Xunta seguirá apostando pola máxima colaboración cos concellos galegos para a posta en marcha infraestruturas e servizos que melloren a calidade de vida dos cidadáns e cidadás.

17 de marzo de 2016 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.