Medio Ambiente licita un estudo para o control do paspallás na comarca da Limia
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe no Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/1q1GYL9) o contrato para a realización dun estudo que serva de base para establecer e afianzar un sistema de seguimento e control básico da produción reprodutora do paspallás (Coturnix coturnix) na comarca da Limia, co obxectivo de poder detectar oscilacións interanuais significativas na abundancia relativa de individuos e na fenoloxía de reprodución.
O paspallás é unha especie migradora procedente do norte de África que se instala nos terreos sementados de cereal e cuxo aproveitamento neses terreos unicamente se pode levar a cabo cando se ten feita a colleita.
Esta especie está sometida en Galicia a un réxime especial cun período hábil de aproveitamento (“media veda”), que transcorre entre finais de agosto e comezo de setembro e que afecta á zona da comarca da Limia na provincia de Ourense.
Ao tratarse dunha especie migradora é necesario estudar e cuantificar a poboación establecida e a superficie de cereal sementada para dispoñer da información actualizada no seguimento do estado de conservación desta especie silvestre e o control das poboacións sometidas a media veda.
As actuacións a desenvolver concentraranse na toma de datos en campo, entre os meses de xuño e agosto dos vindeiros tres anos (2016, 2017 e 2018) nunha vintena de estacións de escoita, co fin de contabilizar o número de machos cantores durante o período de celo da especie. Tamén se realizarán prospeccións, por parte de varios observadores, de parcelas de cereal durante a sega, para contabilizar os efectivos totais e a existencia e idade das poladas.
Por outra banda, o traballo de gabinete consistirá na obtención dun índice de abundancia relativa de paspallás, en base ao número de machos cantores en estacións de mostraxe definidas, e o seu seguimento ao longo dos meses contratados. Establecerase o nivel de reprodución da especie durante o período de sega do cereal e realizarase unha estima aproximada de efectivos ligada ás superficies de cereal durante o período da sega no final da época reprodutiva, entre xullo e agosto.
Esta situación quedará recollida nun informe final onde se incorporen as metodoloxías, resultados desagregados e tratados estatisticamente, análise e conclusións de todos os traballos desenvolvidos, con información xeoreferenciable (coordenadas xeográficas).
O importe deste contrato para o estudo das poboacións de paspallás é dun importe de 35.000 euros, que conta con recursos do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural
Os interesados en participar neste contrato público dispoñen dun prazo de 15 días para presentar as súas ofertas.











