publicidade hoxe

Medio Ambiente inviste na mellora da calidade das augas de Porto do Son un total de 1,5 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPorto do Son
A-
A+
Beatriz Mato na visita ás instalacións da Edar de Baroña

Beatriz Mato na visita ás instalacións da Edar de Baroña

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio terá investido, ao remate de 2016, un total de 1,5 millóns de euros en dous anos para mellorar a calidade das augas do concello do Porto do Son. O orzamento distribúese en dúas actuacións: unha delas rematada en 2015, e outra que se licitará neste mesmo exercicio.

Así o salientou hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, quen se desprazou ata o concello para visitar as instalacións da nova EDAR de Baroña. A Xunta destinou máis dun millón de euros a esta obra, que se executou ao longo do ano pasado e que está actualmente en “completo funcionamento”.

Estas infraestruturas hidráulicas están deseñadas para dar servizo a máis de 500 habitantes da parroquia de Baroña e non consisten só nunha depuradora, senón que tamén se construíron tres colectores, un bombeo e un tramo de impulsión. “Con estes traballos, ampliamos a rede de saneamento da ría de Muros e Noia”, subliñou Mato.

“Pero non nos conformamos”, proseguiu a conselleira, quen anunciou un novo investimento para mellorar o saneamento do concello. En concreto, sinalou que o Goberno galego financiará con máis de 450.000 euros a mellora, ampliación e posta en marcha da EDAR de Xuño e o saneamento do núcleo de Caamaño.

A previsión é licitar este proxecto no primeiro semestre do ano, e realizar a obra antes de que finalice o exercicio. O proxecto inclúe melloras na EDAR, así como na rede de colectores de bombeos. Grazas a iso, ademais de dar servizo á parroquia de Xuño, tamén beneficiará á de Caamaño, de xeito que se dará servizo a máis de 1.000 habitantes.

Compromiso coas rías galegas

Todos estes traballos, subliñou Mato, inscríbense no “firme compromiso” do Goberno galego co saneamento das masas de auga da comunidade autónoma e, moi especialmente, no referido ás rías.

Desde 2009, a Xunta ten investido máis de 1.000 millóns de euros neste obxectivo, dos que case 600 foron destinados exclusivamente á depuración das rías. Este esforzo redundou nunha mellora das augas. Se en 2009 o 67% das augas das rías era de boa calidade, agora esa porcentaxe chega ao 76%.

A conselleira precisou que eses 1.000 millóns permitiron realizar máis de 350 actuacións en 163 concellos, o que supón case 5 actuacións de saneamento ao mes. Máis do 75% destinouse á construción de 35 novas depuradoras que dan servizo a 1,2 millóns de persoas, “isto é, a case a metade dos galegos e galegas”.

O Goberno galego conta tamén cun Plan de investimentos para o ano 2016, que mobilizará 90 millóns de euros para acometer obras en materia hidráulica, urbanismo e mellora da xestión de residuos. A maior parte deses 90 millóns, en concreto un 60%, corresponden a actuacións para a mellora das augas de Galicia.

7 de marzo de 2016 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.