Medio Ambiente estudará a rede de abastecemento de Portomarín para priorizar novas actuacións

Beatriz Mato na reunión co alcalde de Portomarín. Foto: X. Crespo
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio estudará de xeito minucioso e detallado o funcionamento actual da rede de abastecemento do Concello de Portomarín para priorizar novas actuacións máis necesarias que garantan este servizo nunhas condicións óptimas.
Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, quen mantivo unha reunión co alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano López, e na que tamén participou o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez.
Neste encontro quedou de manifesto a necesidade de acometer melloras nunha rede antiga, especialmente no núcleo histórico da vila, que tamén debe ter capacidade para dar servizo á poboación estacional que acolle, xa que debido á súa situación no Camiño de Santiago a demanda increméntase durante períodos moi longos, un factor necesario a ter en conta nas novas proxeccións da rede. Por outro lado, tamén se detectaron problemas de filtracións, que deben ser subsanados e nos que se porá especial atención co fin de evitar contaminacións ao medio ambiente.
Deste xeito, a Xunta de Galicia fará un diagnóstico completo para comprobar cales son as necesidades que garantan un uso normal da rede de abastecemento e así poder fixar as actuacións prioritarias que se poidan poñer en marcha ao longo de 2016. Dende a Consellería indicóuselle que neste municipio tamén se da a peculiaridade de ter que garantir o servizo de abastecemento, ao tempo que se executan as melloras na rede.