Martiño Noriega acusa a Pedro Sánchez de escenificación electoral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acusou ao secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, de estar a facer unha “escenificación dun escenario electoral”, á vez que rexeitou o acordo dos socialistas con Ciudadanos, unha fóra, dixo, “máis reaccionaria que o Partido Popular”.

Desta forma respondeu ás preguntas dos xornalistas sobre as críticas que Sánchez verte este xoves sobre En Marea, a confluencia de Podemos, Anova e Esquerda Unida, nunha entrevista no diario ‘La Voz de Galicia’, onde afirma que “o PSOE nunca fallou, e En Marea fallou ao votar” contra a súa investidura.

Noriega, de Compostela Aberta, opinou que “Pedro Sánchez está na danza do ornitorrinco”, pola “escenificación dun escenario electoral”. Ao seu xuízo, “ten pouco interese en habilitar formulas de gobernabilidade no estado”, porque “se as tivese tería que tirar de calculadora, de números, e saber onde ten os apoios dentro da esquerda partidaria e a esquerda social”.

“Evidentemente é moito mellor un goberno nucleado polo PSOE que un goberno do PP”, admitiu, antes de advertir de que “o que non di Pedro Sánchez é que nese goberno nucleado polo PSOE hai unha forza que é Ciudadanos que non ten o pasado vinculado ao franquismo nin ten casos de corrupción estrutural, pero que ten unha formulación económica e programática moito máis reaccionaria que o PP”. “Iso é o que non di: que ese acordo inhabilita abrir vías de maiores apoios aritméticos e de coherencia”, apostilou.

AUTODETERMINACIÓN, “DEBATE ARTIFICIAL” E “ESCUSA”

Interrogado, por outra banda, sobre se cre que o dereito á autodeterminación pode supor un obstáculo nas negociacións, esperou que “non”, e remitiuse a declaracións de “representantes do PSOE” en defensa da “libre decisión de dous concellos -Cotobade e Cerdedo, en Pontevedra- para facer un referendum” para a súa fusión, nunha “defensa marabillosa do dereito a decidir dos veciños deses dous concellos”.

Por exemplo, este mércores, a presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, valorou que os veciños teñen “dereito a opinar” sobre “algo tan importante” para o futuro do lugar ao que pertencen.

Respecto diso, Noriega sinalou que supón “que a mesma sensibilidade que teñen -os socialistas- con dous concellos do país para unha fusión, terana para a decisión dos pobos”.

Con todo, opinou que este se trata dun “debate artificial”, e sostivo que, ademais da “reivindicación” por “un novo marco de convivencia no estado” e “que os pobos poidan decidir o seu futuro”, hai “outras” demandas “de calado” que a el, persoalmente, gústalle “pór sobre a mesa”: a axenda social, o estado de benestar e a recuperación de “dereitos perdidos nestes anos nunha crise sistémica”.

“Pero diso fálase pouco”, lamentou, algo que vinculou con que “parece que a xente está máis interesada en pór a libre decisión dos pobos como escusa para non chegar a acordos”. “Algúns mesmo van máis aló daquela frase de dicir prefiro unha España vermella que unha España rota; porque por preferir non prefiren nin unha España vermella nin unha España rota”, censurou.

10 de marzo de 2016 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.