Manuel Baltar é elixido vicepresidente de “Partenalia”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi elixido esta mañá en Bruxelas vicepresidente de “Partenalia”, a organización internacional de gobernos locais intermedios de Europa, que ten como obxectivo a innovación, o traballo en rede e representar os intereses dos gobernos locais en Europa.
O presidente do goberno provincial expresou o seu agradecemento polo nomeamento afirmando: “Unha voz forte en Europa dos gobernos locais intermedios permitirá seguir mellorando na prestación de servizos en favor dos cidadáns, para que sexan iguais para todos, independentemente onde residan”.
Baltar considera a “Partenalia” “unha importante ferramenta de cooperación para que os territorios, principalmente os rurais, acaden mellores índices en canto á prestación de servizos”, e tamén para que os gobernos intermedios “sigan modernizándonos na procura da excelencia na xestión”.
Manuel Baltar considera que a forza da unión dos gobernos locais intermedios de Europa “permitiranos trasladar a Bruxelas as peculiaridades das nosas administracións, as máis achegadas á realidade social e ao día a días dos cidadáns, porque o importante son as persoas, sen importar cantas residan nun determinado territorio, e nós, os concellos e os gobernos locais intermedios, temos a obriga de escoitalas, e de favorecer e apoialas nas súas necesidades de benestar e servizos”.
Co nomeamento de Manuel Baltar como vicepresidente de “Partenalia” a Deputación de Ourense –que xa formaba parte do Consello Político- incrementa o seu compromiso e responsabilidade nesta organización política internacional que ten a súa sede central en Bruxelas e da cal o goberno provincial ourensán poderá dispoñer, no centro político da Unión Europea, para realizar o seu labor de xestión no que atinxe ao desenvolvemento de proxectos europeos a prol da provincia de Ourense.
Na reunión, celebrada hoxe en Bruxelas, na que participa o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o presidente da Deputación de Castellón, Javier Moliner, foi reelixido por unanimidade presidente desta rede internacional de provincias europeas. Acompañan a Javier Moliner e Manuel Baltar no equipo directivo os representantes da provincia de Hainaut (Bélgica); da Deputación de Valencia e do goberno local de Lieja (Bélxica), mentres que no Consello Político están representados os países de Bélxica, España, Reino Unido, Alemaña, República Checa, Francia, Croacia, Rumanía e Italia.
Precisamente, nesta xornada o Consello Político de Partenalia presenta diante do Comité das Rexións os principais avances acadados na promoción dos gobernos locais intermedios no que atinxe a transparencia, democratización e bo goberno das institucións.
En canto ás propostas de Manuel Baltar para debater en “Partenalia” figuran a elección directa dos cargos públicos, os procesos de transparencia e “Goberno aberto” e a responsabilidade social corporativa. Precisamente, no que atinxe á elección directa, Baltar defende que esta medida traería consigo “a mellora da calidade democrática nos procesos de elección dos representantes aos diferentes niveis do goberno local, asegurando a directa relación entre elector e electo, o que suporía un achegamento do goberno á cidadanía e unha maior intervención da mesma na toma de decisións”.
Pola súa banda, Javier Moliner destacou “a capacidade que teñen as administracións locais intermedias á hora de mellorar a calidade de vida das persoas, pois somos os máis achegados, os que mellor coñecemos as necesidades dos municipios e os que máis capacidade de alcance temos para favorecer ao territorio coas nosas iniciativas”.











