López-Chaves pide que non se rompa o consenso para continuar coa tramitación da Lei da Área Metropolitana de Vigo
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, compareceu hoxe en rolda de prensa para informar da tramitación da modificación da Lei da Área Metropolitana de Vigo.
López-Chaves sinalou que dende a Xunta de Galicia se quere continuar coa tramitación da modificación da lei para remitila ao Parlamento de Galicia canto antes pero, para que isto saia diante e seguindo o acordo pactado na reunión do 22 de febreiro cos 14 concellos, eran necesarios dous requisitos: que os plenos municipais ou os órganos correspondentes aprobaran o texto modificado e que o Concello de Vigo se incorporase ao Transporte Metropolitano. “Cumpridos estes dous requisitos xa se podería iniciar a tramitación legal da modificación acordada entre os 14 concellos no Parlamento de Galicia e comezar dunha vez por todas a vida da Área Metropolitana”, dixo.
O delegado pediu así que “non se rompa o gran consenso” acadado ese día porque, tras as últimas declaracións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, considerou que “parece atopar novas escusas” para retrasar a tramitación da modificación do texto. “A Xunta cumpriu o que se pactou e acordou nesa reunión e enviou un borrador de texto de acordo co pactado e no cal se fixeron unhas aclaracións e correccións polos concellos”, explicou, matizando que “unha vez feitas se levou ese texto ao Consello da Xunta e se remitiu aos concellos para a súa tramitación nos plenos ou órgano competentes”.
Neste senso, insistiu na necesidade de que as Corporacións locais, tamén a de Vigo, “aproben o documento acordado por todos os concellos” sen esquecerse de que a cidade olívica se incorpore ao Transporte Metropolitano “para que teñamos por fin esa lei da Área”. “Cremos que as últimas declaracións de Caballero son escusas que non están nin acordadas nin pactadas”, considerou López-Chaves, quen insistiu no “gran consenso” acadado o 22 de febreiro e sinalando que “agora non é bo que se rompa” e que “non existan novas escusas”.
En definitiva, rematou explicando que dende a Xunta “estamos a traballar e cumprimos o acordado” e “estamos a esperar a aprobación do texto pactado polos plenos dos concellos e a incorporación de Vigo ao Transporte Metropolitano” para que “podamos por fin ter a tramitación da lei no Parlamento de Galicia”, concluíu.











