López-Chaves entrega os diplomas na clausura do obradoiro de emprego ´Vigo Capacita II´

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Entrega de diplomas

Entrega de diplomas

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, entregou esta mañá os diplomas ás 23 alumnas e alumnos que participaron no Obradoiro de Emprego ´Vigo Capacita II´, un programa mixto de formación e emprego para persoas desempregadas concedido pola Xunta ao Concello de Vigo.

O Obradoiro de Emprego comezou no mes de setembro no Centro Cultural e Veciñal de Valadares e ofreceu formación e emprego durante 6 meses a un total de 23 alumnas e alumnos -21 mulleres e dous homes- en dúas especialidades: operacións básicas de cociña e operacións básicas de restaurante e bar. Esta mañá levouse a cabo o acto de clausura do mesmo coa entrega dos diplomas, no que tamén estiveron presentes o concelleiro de Emprego de Vigo, Santos Héctor, o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, así coma os docentes, o equipo administrativo encargado do Obradoiro e membros da xunta directiva do Centro Cultural.

López-Chaves gabou o traballo feito nestes últimos meses e a aposta da Xunta de Galicia pola formación para conseguir xerar emprego. “Investimos en formación e nas posibilidades de ter maior capacitación para ter un emprego”, dixo o delegado, quen felicitou a todas as alumnas e alumnos por rematar o obradoiro e por estar agora “nunha situación mellor” que ao comezo do curso.

A Administración autonómica fixo posible este programa mixto cun orzamento total superior aos 204.000 euros sendo esta iniciativa un importante espazo de colaboración administrativa no marco da aposta da Xunta pola eficiencia e optimización dos recursos. Coma sinalou o delegado, o Goberno galego aposta claramente pola xeración de emprego e, por isto, considerou este tipo de programas mixtos necesarios para conseguir unha formación que permita aos alumnos e alumnas ter traballo nun futuro. De feito, significou que dende a Administración autonómica se seguirá con esta iniciativa informando que para este ano a Xunta conta cun orzamento de 14 millóns de euros para dito fin.

O Obradoiro de Emprego ´Vigo Capacita II´ ofreceu así formación e emprego a un total de 23 alumnas e alumnos en dúas especialidades: operacións básicas de cociña (12 persoas) e operacións básicas de restaurante e bar (11 alumnas e alumnos). Entre as súas actividades prácticas realizaron servizos de menús para o comedor social “Sal de la Tierra”; para o servizo de “almorzos saudables” e tamén para actos organizados pola concellería de emprego municipal, da fundación Érguete ou para actividades abertas a todos os veciños e veciñas do municipio realizadas no CVC de Valadares.

O Obradoiro de Emprego alternou así a formación co traballo ou a práctica profesional en dúas especialidades que redundan positivamente nos participantes. Deste xeito preténdese unha dobre vertente: que as persoas desempregadas consigan aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional. Ademais, perciben o salario mínimo interprofesional toda vez que reciben formación para que logren una reinserción laboral posterior.

15 de marzo de 2016 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.