López-Chaves di que Caballero está a rectificar coa actuación da grúa municipal e a Policía Local no hospital público Álvaro Cunqueiro
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, sinalou hoxe que o alcalde da cidade, Abel Caballero, “está a rectificar” e “da a razón” non soamente á Xunta de Galicia senón tamén ao sector dos sindicatos do transporte –Vitrasa, ambulancias, taxistas…- cos que mantivo unha reunión hai semanas coa actuación da grúa municipal e da Policía Local nos viais de acceso ao Hospital Público Álvaro Cunqueiro ao longo das últimas semanas.
Coma explicou, tanto dende a Xunta coma dende o sector “se estaba a denunciar a situación de inseguridade e risco” que supoñía a falta de intervención do Concello para “garantir a seguridade e o acceso” de todos os cidadáns ao complexo hospitalario. Lembrou ademais que o rexedor chegara a afirmar que “non regularía o tráfico” na zona do hospital porque “dicía que eran viais privados” pero o certo foi que semanas despois a grúa municipal comezou a actuar. “Dicía que non entraría a regular e si entrou”, dixo López-Chaves, quen recordou tamén que o alcalde incluso chegou a recoñecer publicamente que non ía multar aos vehículos mal estacionados.
Pero coma informou o delegado, esta cuestión tampouco foi así porque a Policía Local xa comezou a sancionar aos vehículos que están “inadecuadamente aparcados” en zonas que causan grave risco e dano ao tráfico para acceder ao hospital. E coma mostra puxo o exemplo dunha multa da Policía Local que data do pasado 9 de marzo ás 9,30 horas na zona de acceso ás consultas externas. “Dous días despois de dicir Caballero que non se multaría, se sanciona a unha persoa que estaba inadecuadamente aparcada no acceso a consultas externas”.
Considerou así que “ao final está a dar a razón porque nesa zona ten que intervir a Policía Local”. “Está a rectificar e con iso os vigueses vamos a gañar en seguridade”, recoñeceu. É por isto polo que o felicitou tras mudar a súa actitude ao longo das últimas semanas e por sumarse así ao proxecto do Hospital Público Álvaro Cunqueiro. “Está a acabar co abandono de responsabilidades ao non intervir nos viais e felicítoo porque se sume ao proxecto e garanta os accesos coa intervención da Policía sancionando aos que están a provocar unha situación de inseguridade na contorna do HAC”.
Deste xeito, considerou ademais que coa intervención da Policía Local –incluso multando- e da grúa municipal, o alcalde de Vigo “está a recoñecer que son viais dun hospital público”. “É unha obriga que ata o de agora non cumpría e por fin cumpre as súas funcións”, rematou.











