Jesús Vázquez Almuiña preside a homenaxe aos 80 traballadores xubilados do Hula

Intervención do conselleiro de Sanidade no acto de homenaxe
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu esta mañá o acto de despedida aos 80 traballadores do Sergas que en 2015 culminaron a súa carreira profesional. Os profesionais homenaxeados pola súa traxectoria na sanidade pública pertencían ao Hospital Universitario Lucus Augusti e aos centros de Atención Primaria da provincia. No acto tamén estivo presente o xerente da Estrutura Organizativa de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico.
O titular da carteira sanitaria do Goberno galego agradeceulles publicamente aos homenaxeados a súa dedicación ao coidado da saúde dos lucenses dende o sistema sanitario público, e lembroulles que “os profesionais son o activo fundamental do Servizo Galego de Saúde”.
En total foron 80 os profesionais, homes e mulleres, que durante o ano pasado culminaron a súa etapa profesional como traballadores do sistema sanitario público da provincia, e que inician unha nova andaina vital trala súa xubilación. Vázquez Almuiña destacou a importanica deste evento pois é “o resumo dunha vida chea de aportacións á nosa sanidade”.
Os 80 profesionais xubilados formaban parte do cadro de persoal de traballadores do Hospital Universitario Lucus Augusti e dos distintos centros de saúde da provincia de Lugo, prestando servizos en categorías como facultativos especialistas, enfermeiros, técnicos de coidados auxiliares de enfermaría, técnicos superiores, auxiliares da función administrativa, celadores, pinches, terapeutas, peóns, telefonistas, persoal de lavandería e lencería, cociñeiros, electricistas, calefactores…
Co acto celebrado esta mañá no Hospital Universitario Lucus Augusti, o Servizo Galego de Saúde, e os compañeiros, familiares e amigos dos 80 xubilados, réndenlles unha merecida homenaxe a todos eses profesionais que durante anos exerceron o seu labor a prol da sanidade pública na provincia e que co seu traballo e dedicación contribuiron ao coidado da saúde dos lucenses e á consolidación do sistema sanitario galego. O acto de homenaxe rematou coa actuación da coral do Hospital Universitario Lucus Augusti.











