Francisco Conde salienta que Galicia comeza o 2016 cun incremento do 6,5% nas súas exportacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou esta mañá en declaracións aos medios que Galicia comeza o 2016 cun incremento nas súas exportacións do 6,5% en xaneiro con respecto ao mesmo mes do ano anterior.

Segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio de Economía e Competitividade, o aumento das vendas ao exterior da comunidade supera en 4,4 puntos a media estatal, que rexistra un incremento do 2,1%. Galicia sitúase así como a quinta comunidade na que máis medran as exportacións neste primeiro mes do ano.

Este bo dato de xaneiro dá continuidade á tendencia do 2015, ano no que Galicia bateu unha vez máis o seu récord de exportacións, marcando o que é xa o seu mellor ciclo exportador. Así, a comunidade non só exportou un 5,6% máis que en 2014, senón que superou a marca histórica do 2013 nun 0,4%.

Estes resultados son posibles grazas ao esforzo do tecido empresarial galego, que seguirá a contar coa aposta decidida do Goberno galego, recollida na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020. Con esta folla de ruta búscase incrementar as exportacións en máis dun 25% ata 2020, e facer de Galicia un foco de atracción de investimentos especializado en sectores e países concretos.

21 de marzo de 2016 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.