Francisco Conde defende tender máis pontes entre Galicia e Australia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, defendeu hoxe “tender máis pontes” entre Galicia e Australia para afianzar “unha relación estratéxica” para o futuro da comunidade, reforzando os vínculos industriais que xa unen a ambos mercados, e potenciando a captación de investimentos australianos en Galicia. Conde participou na segunda Expo Australia-Galicia, organizada pola Universidade da Coruña e a Australia Spain Business Association (ASBA), e na que tamén estivo presente a embaixadora de Australia en España, Virginia Greville.

Conde destacou a Navantia como “nexo fundamental de unión entre ambos mercados”, con fitos como os LHD Canberra e Adelaide, construídos no estaleiro de Ferrol; ou o esforzo dos enxeñeiros galegos que están a traballar en Adelaida no deseño e construción de 3 destrutores inspirados nas F-100. Unha colaboración que podería ampliarse no futuro, xa que “Navantia está na mellor posición para conseguir o contrato da construción dos dous Buques de Aprovisionamento en Combate, que supoñerían unha carga de traballo moi importante para os nosos estaleiros”, lembrou o conselleiro.

Precisamente o naval foi o que permitiu que as exportacións galegas a este país sumasen máis de 1.350 millóns de euros en vendas desde 2009, sinalou Conde, que apuntou tamén que de forma paralela varias empresas australianas interesáronse de forma progresiva en Galicia, investindo en empresas clave como Reganosa ou no eido das renovables.

Un interese que, dixo, o Goberno galego espera que creza no futuro, para o que a Xunta está a facer un esforzo especial por atraer investimentos estables que aposten pola I+D+i en Galicia. Conde apuntou como exemplo dese traballo a proxectos como o polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, que conta como socios con Indra e Inaer, filial de Babcock, que tamén ten unha ampla presenza en Australia. De cara a futuro, apuntou que esa captación de novos proxectos se reforzará atraendo novas industrias coa Iniciativa Captación de Investimentos 4.0, coa que Galicia busca queremos captar proxectos de máis de 50 millóns de euros da Industria 4.0 sufragando ata o 40% do investimento.

Ademais, Conde salientou a posta en marcha do primeiro Galicia Investors Day, que reunirá en abril en Galicia a 50 investidores de todo o mundo, aos que a Xunta lles presentará os datos clave dos sectores estratéxicos da comunidade, promovendo un impulso á súa relación co tecido empresarial galego.

15 de marzo de 2016 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.