publicidade hoxe

Francisco Conde aposta polos obradoiros de emprego que amplían as oportunidades laborais e fixan poboación no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOutes
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Outes na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego ‘Rural Outes 2015’ no que un total de 19 alumnos e alumnas formáronse e recibiron un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional na especialidade de operacións de formigón.

Conde avogou por estes programas mixtos de formación e emprego que amplían as oportunidades laborais das persoas desempregadas, ao tempo que contribúen a fixar poboación no rural. Neste senso, lembrou que os dous últimos obradoiros celebrados en Outes acadaron unha media de inserción laboral de en torno ao 65%.

O titular de Economía sinalou que estes programas, ademais de ofrecer unha cualificación teórica e práctica de calidade orientada ás necesidades do mercado laboral, permiten aos seus participantes acceder a un emprego. Neste caso, os alumnos e alumnas puxeron en valor rúas dos núcleos de Boel, Entrins e O Piñeiro.

Así mesmo, Conde destacou a importancia da formación e aprendizaxe, xa que explicou que “apostar pola cualificación é apostar pola creación de empregos estables e de calidade e por novas oportunidades de traballo”. Subliñou, neste senso, que a Axenda de Emprego, que se presentará nos próximos días, apoia precisamente estes dous eidos.

“O compromiso do Goberno galego é facilitar unha maior inserción laboral das persoas desempregadas”, apuntou Conde e, neste senso, salientou que a Xunta apoia este ano os obradoiros con 14 millóns de euros.

Por último, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria explicou que outras das vantaxes destes programas é o fomento da colaboración institucional, xa que se realizan en coordinación cos concellos.

En definitiva, indicou que o reto principal da Xunta con estes programas é “preparar á mocidade para ser capaces de adaptarse ao entorno laboral cambiante no que se atopa Galicia”.

1 de marzo de 2016 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.