Ethel Vázquez destaca o traballo da Xunta para dotar a Santiago dunha estación intermodal

Ethel Vázquez na reunión co Foro Cívico Empresarial. Foto: A. Varela
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou hoxe o traballo que está a realizar a Xunta para dotar a Santiago dunha estación intermodal adaptada ás novas necesidades de transporte dos cidadáns e subliñou a necesidade de que a Administración local inicie as actuacións que lle corresponden para garantir o seu funcionamento.
Así o manifestou a titular de Infraestruturas do Goberno galego durante a xuntanza que esta mañá mantivo cos representantes do Foro Cívico Empresarial de Compostela, na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e na se espuxeron os proxectos que a Xunta está a impulsar para favorecer o desenvolvemento económico e social da capital de Galicia e reforzar a competitividade do territorio.
A responsable autonómica aclarou que este mesmo mes contratarase o proxecto básico e construtivo da estación de autobuses integrada na terminal de ferrocarril de Santiago co obxectivo de ofrecerlle aos pasaxeiros máis e mellores servizos. Salientou que o Goberno galego conta coa partida económica necesaria para executala e está a dar todos os pasos necesarios para que Santiago teña o antes posible a estación intermodal.
Neste sentido, fixo fincapé en que cómpre que o Concello de Santiago poña en marcha os traballos da súa competencia, imprescindibles para garantir o futuro e a funcionalidade da estación: a construción dos accesos, a posta á disposición dos terreos e as adecuacións urbanísticas.
A conselleira insistiu en que deben empezar a tramitarse sen demora estas accións municipais para evitar que se produzan retrasos na estación intermodal e informou de que o pasado 27 de novembro a Xunta lle remitiu ao Concello unha proposta de convenio que plasma as actuacións que debe acometer cada Administración, sen que polo momento o Concello teña trasladado as súas observacións ao mesmo.
Polígono da Sionlla
No que se refire ao solo industrial en Santiago, Ethel Vázquez tratou as medidas que a Consellería puxo en marcha para incentivar a venda de solo empresarial no polígono da Sionlla, ofrecéndolle aos empresarios o solo que precisan para instalar ou expandir os seus proxectos en condicións vantaxosas. Así, concretou que o concurso de venda de solo propiedade de Xestur, con bonificacións do 30% no caso do parque da Sionlla, ten propiciado que se venderan 10 parcelas e 33.000 metros cadrados de solo na convocatoria de 2015.
Ademais, remarcou que desde o pasado 1 de decembro os emprendedores poden acceder tamén ao solo empresarial neste parque empresarial da Sionlla en réxime de dereito de superficie, isto é a cambio dun canon simbólico anual por metro cadrado, sempre e cando os seus proxectos supoñan un certo nivel de investimento ou de emprego, ou ben se trate de negocios do sector da rehabilitación, a construción sostible ou a biotecnoloxía, eidos considerados estratéxicos na cidade.
Infraestruturas viarias
As infraestruturas viarias foron outro dos exeis desta reunión, na que a conselleira informou do traballo coordinado entre a Xunta e Fomento para impulsar o enlace entre a autopista AP-9 e a Cidade da Cultura.
A este respecto, Ethel Vázquez concretou que a Xunta redactou o proxecto desta actuación, moi demandada polo Goberno galego, e o trasladou ao Ministerio de Fomento, onde está a ser tramitado de cara á súa próxima licitación, xa que se trata dunha actuación prevista nos Orzamentos Xerais do Estado.











