publicidade hoxe

Ethel Vázquez avanza o investimento de 4 millóns de euros na construción de 7 sendas na comarca de Bergantiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCabana de Bergantiños
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, anunciou hoxe que a Xunta destinará un investimento de máis de 4 millóns de euros para a construción de 7 sendas seguras e saudables na comarca de Bergantiños. Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo; o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez; e o alcalde de Cabana, José Muíño; presentou os itinerarios que se executarán nesta bisbarra.

A titular de Infraestruturas detallou que as obras suporán a execución de 9 quilómetros de sendas, coa previsión de iniciar a contratación dos traballos antes de que remate o verán. Salientou que o obxectivo do Goberno galego é que os veciños da Costa da Morte poidan ter, canto antes, sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe para realizar os seus itinerarios habituais.

Para a comarca de Bergantiños, prevense as seguintes sendas: Carballo- Polígono industrial de Bértoa; Laracha- Paiosaco; Carballo- Coristanco; Laracha- O Cancelo; Laxe- Equipamentos- P.Marítimo; Xornes- Buño- Canta la Rana; e Neaño- Cabana

A conselleira destacou que estas accións teñen beneficios para as as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; as vilas, supoñendo menor conxestión de vehículos en tramos saturados e novos espazos de tránsito; e para o medio, buscando menos contaminación acústica e mellorando a calidade do aire, ao reducir a emisión de gases contaminantes.

Plan de Sendas de Galicia

Estas actuacións presentadas hoxe en Cabana están enmarcadas no Plan de Sendas de Galicia, que o pasado xoves se aprobou no Consello da Xunta, e que concreta a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís e para bicis. O Plan de Sendas desenvólvese no marco do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, aprobado o pasado mes de febreiro e que se fixa como obxectivo estratéxico reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas. Ademais alíñase cos obxectivos do Plan Estratéxico 2015-2020 de Galicia e coa Estratexia Europea 2020, en canto á promoción dunha economía baixa en carbono mediante o fomento dunha mobilidade sustentable.

A conselleira apuntou que a Xunta iniciou os traballos en 7 comarcas galegas, entre as que se atopa esta de Bergantiños. Así, nunha primeira fase acometeranse 55 novas sendas e un total 75 km, para peóns e para bicis, que suporán un investimento de 26,3 millóns de euros e progresivamente avanzarase nesta medida ata ter completados os 170 novos quilómetros de sendas.

Vázquez concretou que o Plan de Sendas recolle todo un conxunto de actuacións coordinadas e planificadas sobre a totalidade do territorio galego na procura de dous obxectivos prioritarios: protexer e incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas; e promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.

Estas sendas permitirán que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiás andando ou en bici dun xeito seguro, percorrendo a distancia entre os núcleos urbanos e os centros de equipamentos e servizos como centros de saúde, áreas comerciais, lugares de lecer, escolas ou garderías.

A elaboración deste Plan partiu dunha análise global do territorio de toda a comunidade, priorizando aquelas comarcas nas que actuar primeiramente, atendendo a factores como:

• A situación dos núcleos de poboación, os servizos e os equipamentos
• O tráfico e a sinistralidade que rexistra cada treito da estrada
• A orografía e as pendentes do terreo
• O clima
• A facilidade de implantación
• A posibilidade de conectar con percorridos xa existentes.

14 de marzo de 2016 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.