Ethel Vázquez aposta por unir os esforzos das administracións para unha resposta áxil as persoas con dificultades para acceder a unha vivenda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe a aposta do Goberno galego por unir os esforzos das distintas administracións co fin de ofrecer unha resposta áxil as persoas con dificultades para acceder a unha vivenda e conseguir que as medidas cheguen a quen o precise.

A responsable de Infraestruturas e Vivenda do Goberno galego, acompañada polo director do IGVS, Heriberto García; o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado; e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo; participou nunha xornada de traballo con representantes dos poderes públicos da área metropolitana implicados nos procesos de desafiuzamento.

Vázquez lembrou que a Xunta presentou a pasada semana á Fegamp unha proposta de colaboración para crear o Programa de Vivendas Baleiras, co fin de mobilizar os inmobles desocupados e destinalos a alugueiros social, “un acordo que trata de mobilizar as vivendas que están desocupadas para que os seus propietarios as poñan voluntariamente á disposición dos concellos e estas poidan ser destinadas a alugueiro social”.

Para favorecer esta medida, “o Executivo autonómico financiará unha serie de garantías: un seguro multirrisco do fogar; e un seguro de garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas, que inclúe asistencia e defensa xurídica”, subliñou.

Con este documento tamén se busca avanzar na coordinación entre o Goberno galego e os concellos, e cos diferentes organismos e entidades de iniciativa social, para ofrecer unha atención máis eficaz a aquelas persoas con maiores dificultades para acceder a un fogar.

Vázquez explicou que a xuntanza de hoxe “foi, sobre todo, un foro de diálogo e de intercambio de opinións no que os representantes das distintas administracións e asociacións trasladaron as súas experiencias, reflexións e achegas sobre a problemática social en relación coa vivenda”.

A razón de potenciar a información cara estes axentes é que son as persoas que traballan día a día cos máis desfavorecidos, os que mellor coñecen posibles casos de persoas en situacións de dificultade; e tamén quen mellor pode asesorar e facer chegar aos afectados as medidas ás que poden acollerse.

A responsable de Vivenda do Executivo autonómico sinalou que na reunión se abordaron as 11 medidas que, desde o ano 2012 se teñen impulsado desde o Goberno galego para dar unha solución a todas as persoas que se atopan nunha situación de perda da súa vivenda habitual.

Outra das medidas que destacou é o Bono de Alugueiro Social, que ofrece apoio urxente ás familias en risco de perder a súa vivenda por non poder pagar o aluguer ou por encontrarse en situación de especial dificultade; os convenios asinados coas entidades financeiras, entre elas, a maior entidade financeira de Galicia, que se comprometeu a non botar do seu fogar ás persoas con menos recursos afectadas por execucións hipotecarias poñéndolles un alugueiro social. As entidades ademais colocan á disposición da Xunta vivendas baleiras da súa propiedade para que se destinen a alugueiro social, pagando un máximo de 125 euros ao mes.

Vázquez subliñou que “grazas a estes convenios -coa Sareb, Abanca, Caixa Rural Galega e Sabadell Gallego-, dispoñemos de 240 vivendas máis, que xa se están ocupando, para familias que perderon o seu fogar ou que, por diferentes motivos, non teñen capacidade para acceder a unha vivenda”.

Finalmente, Ethel Vázquez remarcou que a intención da Xunta “é desenvolver novos encontros coma este noutros concellos e comarcas galegas, prioritariamente naquelas zonas nas que se ten detectado un maior número de casos de familias afectadas”.

18 de marzo de 2016 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.