Elena Candia entrega 580 avais de compromisarios, o 76% dos que acudirán ao congreso do PP de Lugo
A voceira provincial do PP e candidata a presidir o PP de Lugo, Elena Candia, presentou este venres máis de 580 avais de compromisarios, o 76 por cento dos 766 chamados a participar no conclave que terá lugar esta fin de semana e ao que tamén concorre a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias.
Candia entregou as sinaturas deses compromisarios na sede do partido, case cuadriplicando o número que reuniu o seu opoñente. A expresidenta da Deputación xa reunira 1.450 sinaturas de militantes na primeira fase do proceso, o dobre que a outra aspirante a relevar a José Manuel Barreiro.
Nesta conxuntura, Candia non ocultou que está “moi contenta” e, ademais, subliñou a súa “satisfacción” polas achegas realizadas polos militantes, que suman máis de 12.000 na provincia de Lugo.
“Imos traballar a partir do domingo, independentemente do resultado cun partido unido e que busque resolver os problemas da xente que é o noso obxectivo”, reivindicou a alcaldesa de Mondoñedo, quen reiteradamente subliñou que a súa é “a candidatura dos militantes”.
“QUE VOTEN EN CONCIENCIA”
Pola súa banda, Arias emitiu un comunicado no que subliña que o domingo ten que ser “un día grande” para o PP de Lugo, con independencia de quen ocupe a presidencia, e manifestou que o único que pide é que os compromisarios que acudan a votar “o fagan en conciencia e con liberdade”.
“É necesario que o aire fresco co que, entre todos, logramos impregnar as sedes do noso partido se manteña no tempo e permita enriquecer o proxecto político que compartimos”, subliñou.
INAUGURACIÓN A CARGO DE LEVY
O presidente do comité organizador do XVII congreso extraordinario provincial do PP de Lugo deu a coñecer este venres o horario do conclave, que se celebrará na Facultade de Veterinaria.
A vicesecretaria de Estudios e Programas do PP, Andrea Levy, estará presente no conclave dos populares lucenses e será a encargada da inauguración, en torno ás 10,30 horas. Sobre as 9,30 horas os compromisarios e convidados poderán acreditarse.
O seguinte paso no cronograma é a constitución do plenario coa proposta e votación da Mesa do Congreso, que estará presidida por Manuela López Besteiro, asistida por Agustín Baamonde, Mercedes González, Fernando Rodríguez, Rosa Arza, Martín López e Remedios González.
ÁS 10,50 horas terá lugar a presentación do primeiro comunicado, ‘O sector primario, piar fundamental da economía lucense’ e, xusto despois, en torno ás 11,05 horas, será a quenda de presentación do relatorio sobre ‘Política Social, unha prioridade na nosa provincia”.
Os redactores dos comunicados son, no primeiro caso, Isabel García Pacín, Antonio Basanta e Manuel López e, no segundo caso, Diana Durán, Mari Teijeiro e Toño Gallego.
INFORME DE XESTIÓN
Finalizada a lectura dos comunicados será a quenda do secretario provincial, José Manuel Balseiro, que se encargará da presentación do informe de xestión, que resume as liñas mestras de actuación do partido dende a celebración do último congreso provincial ata a actualidade.
ÁS 11,25 horas, presentaranse as distintas candidaturas e, ás 11,45 horas, empezará a votación e escrutinio, para o que a organización habilitará distintas mesas. Arredor das 12,50 horas, coñecerase o resultado da votación e será proclamada a candidata electa.
BARREIRO, PRESIDENTA ELECTA E FEIJÓO
Os encargados de clausurar o congreso provincial lucense serán, por esta orde, o presidente saínte e actual voceiro do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro, ás 12,55 horas. Despois será a quenda da presidenta electa e, finalmente, sobre as 13,25 horas, o peche corresponderá ao líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.
Balseiro manifestou o seu desexo de que a celebración da cita congresual se desenvolva con total normalidade. Con tal fin, está prevista a colaboración dun grande número de persoas.
Por último, emprazou os militantes a gozar d eun conclave histórico marcado polo relevo na dirección provincial de Barreiro tras 14 anos de mandato.











