Diego Calvo ofrece colaboración total do PP tras a documentación solicitada pola Policía no Concello da Coruña
O secretario xeral do PP coruñés e delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, trasladou a “colaboración total” deste partido coa xustiza tras a operación desenvolvida pola Policía este mércores no Concello da Coruña, onde solicitou documentación relativa a expedientes da área de Cultura durante o mandato dos populares.
A preguntas dos xornalistas, dixo que a información da que dispoñen é que o caso parte dunha “denuncia dun licitador que perdeu o concurso e que logo acudiu á xurisdición penal”.
Non obstante, recordou que esta empresa non gañou anteriormente o contencioso-administrativo presentado pola adxudicación a Eulen, en 2012, dos servizos bibliotecarios complementarios para o sistema municipal de bibliotecas da Coruña.
Xunto a este expediente, a Policía Xudicial levou tamén o relativo á subministración e xestión de material bibliográfico con destino á sala de adultos da biblioteca Ágora, adxudicado á empresa Xestión Bibliotecaria e Documental.











