Deputación e o Colexio de Médicos porán en marcha un ciclo formativo sobre primeiros auxilios
A Deputación e o Colexio de Médicos da Coruña porán en marcha un novo ciclo piloto de charlas, obradoiros e conferencias impartidas por persoal facultativo especializado e destinadas a formar á poboación en cuestións como os primeiros auxilios, a atención a emerxencias no ámbito doméstico e a promoción de hábitos de vida saudables.
Este acordo foi anunciado tras a reunión que mantiveron, na sede da institución provincial, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o seu homólogo do Colexio Oficial de Médicos coruñés, Luciano Vidán.
Tras este primeiro encontro, que ambos cualificaron de “cordial e produtivo”, González Formoso apuntou que, coa posta en marcha desta iniciativa, a Deputación pretende “poñer o coñecemento médico ao servizo da sociedade, apoiando aos pequenos e medianos concellos da provincia na formación da cidadanía en aspectos que poden axudar a salvar vidas ou contribuir á mellora da súa calidade de vida”.
Colectivos de especial atención como maiores, dependentes, persoal coidador e mozos serán os destinatarios principais do programa, que incluirá temas adaptados a cada un destes colectivos, dende a atención a pequenos accidentes domésticos como cortes, queimaduras ou caídas ata a mobilización de persoas maiores, a alimentación saudable ou o abandono do tabaquismo.











