Dépor e Celta únense nunha campaña para animar á doazón de sangue

Presentación da campaña
O Deportivo de La Coruña e o Celta de Vigo únense na campaña ‘Imposible sen ti’ para animar os seus afeccionados a doar sangue dende este mércores, 23 de marzo, nos autobuses que se situarán nas inmediacións de Riazor e Balaídos, e ao longo da semana en ambas as dúas cidades.
Nun acto no Centro de Transfusión de Galicia, en Santiago, os xogadores Pedro Mosquera (Dépor) e Sergio Álvarez (Celta), doadores habituais de sangue, chamaron ás súas afeccións a que sexan solidarias e participen nesta iniciativa.
“Nunha semana tan importante como é o derbi galego concienciar a xente de que tanto o sangue da Coruña como de Vigo xuntémola entre todos, porque calquera de Vigo ou da Coruña a pode necesitar”, destacou o porteiro celtista Sergio Álvarez na súa intervención nun acto que ten lugar a poucos días do Celta-Dépor, que xogará o 2 de abril.
Tras el, o deportivista Pedro Mosquera agradeceu o labor que realiza o Centro de Transfusión de Galicia para destacar que “dá igual” que a xente sexa de Vigo ou da Coruña á hora de doar e necesitar sangre, de maneira que apelou á participación cidadá.
Para facer promoción de esta campaña realizouse un anuncio televisivo, mentres que todas as persoas que acudan a doar levarán de regalo unha camiseta co lema ‘Imposible sen ti’ e cos escudos do Celta ou do Dépor.
Ao acto acudiron, entre outros, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; directivos de ambos os dous equipos; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; así como o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.
FEIJÓO: A RIVALIDADE “NON TEN NADA QUE VER” COA FRATERNIDADE
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou o “xesto” e a “categoría” destes dous futbolistas, que están entre “os mellores” da Liga, e dos seus equipos para participar nunha iniciativa que será “útil” para os galegos que necesitan sangue, que “ten un valor incalculable”.
Así, Núñez Feijóo destacou que a rivalidade futbolística “non ten nada que ver” coa fraternidade, xa que “poden ir da man”. De tal forma, dixo os seguidores do Celta e do Dépor que “é necesario” que acudan a doar, nun acto que “non custa nada”.
Ao respecto, chamou a atención sobre que cada día se necesitan 500 doazóns de sangue en Galicia, xa que a diario se atenden 2.700 urxencias, se producen 500 intervencións cirúrxicas e hai tres transplantes. A xeito de exemplo, indicou que para un transplante de fígado se necesitan entre 20 e 25 doazóns de sangue.
Xa en clave do próximo derbi, Núñez Feijóo asegurou que: “O único que non sabemos é o resultado, pero o que si sabemos é que vai gañar Galicia”.
O DÉPOR CHANCEA CON QUE SERGIO ÁLVAREZ DOE ANTES DO DERBI
Durante este acto tamén tomou a palabra Carmen Avendaño, conselleira do Celta, quen subliñou o “día moi especial” que “demostra a sensibilidade” de ambos os dous clubs.
Ademais, Avendaño, tamén presidenta da Fundación Érguete, mostrou a súa confianza en que non haxa problemas entre as afeccións durante o próximo derbi galego, xa que resalta que “cada vez” se levan mellor tanto os clubs como os xogadores entre eles.
Así mesmo, Martín Pita, conselleiro responsable da área social do Deportivo, mostrou o “orgullo” de poder participar nesta iniciativa, que reflicte “o sentimento de país” de Celta e Dépor a pesar da súa rivalidade no terreo deportivo.
Con todo, Pita finalizou chanceando con que espera que Sergio Álvarez “vaia doar o día antes” do derbi “tres ou catro litros” de sangue, o que provocou a risa do gardameta de Catoira.











