Cores Tourís destaca a posta en marcha de novos investimentos nas parcelarias da Cañiza e Covelo
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá a posta en marcha de novos investimentos nas parcelarias de Barciademera en Covelo e Oroso na Cañiza.
No caso do concello de Covelo, en Barciademera a superficie a concentrar é de 775 hectáreas, con 8.753 parcelas que se viron reducidas a 2.198 e 982 propietarios. Nesta concentración xa se tomou posesión dos novos previos en xaneiro de 2014 e de cara a este ano está prevista a colocación de marcos, cun investimento de 18.870 euros, e o remate das modificacións do acordo e a colocación de marcos, ao que se destinarán outros 15.000 euros.
Neste concello tamén tomaron posesión dos novos predios os beneficiarios da parcelaria de Prado-Godóns, que conta cunha extensión de 1.139 hectáreas e 545 propietarios que viron reducidas as súas parcelas de 12.321 a 2.071. Nesta concentración estase a marquear a zona e se está a actualizar o expediente de concentración e reestruturación parcelaria para acadar a firmeza do acordo.
Finalmente, en A Graña-Campo, estase a actualizar o expediente para acadar a firmeza do acordo e elaborar os títulos de propiedade. Nesta parcelaria se concentrarán 662 hectáreas, pasando de 13.728 a 1.285 hectáreas, o que beneficiará a 662 veciños.
“Nas tres zonas do concello de Covelo está dada a toma de posesión dos novos predios, polo que os propietarios poden xa traballar as fincas novas, que están a súa disposición, estando a actividade agrogandeira das zonas de concentración garantida”, explicou Cores Tourís.
A Cañiza
No caso do concello de A Cañiza, na concentración parcelaria de Santa María de Oroso tamén se traballará este ano nas modificacións necesarias así como na colocación de marcos.
Esta parcelaria afecta a 740 hectáreas transformando 13.110 parcelas en 1.864 e beneficiando a 626 propietarios. “Neste caso tamén está feita a toma de posesión dos novos predios de concentración parcelaria e os propietarios están xa a traballar nas novas fincas”, explicou Cores Tourís, quen engadiu que “isto é algo esencial para manter garantida a actividade agrogandeira nas zonas de concentración. Agora o noso obxectivo é rematar esta tramitación e entregar canto antes os títulos”.
Achega de 22 millóns de euros
José Manuel Cores Tourís recordou a importancia de continuar cos procesos de concentración parcelaria, xa que permitirá mellorar a rendibilidade da actividade produtiva e facilitar que os predios abandonados ou que non formen parte de explotacións poidan mobilizarse para uso agrario. Ademais, a parcelaria axuda tamén a minimizar os efectos que poidan ter as grandes obras públicas ou explotacións de coutos mineiros, potenciar a conservación das zonas de maior interese ambiental, así como reducir as emisións que se derivan dos longos desprazamentos polas explotacións dispersas.
O delegado territorial recordou que a semana pasada o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñer Feijoo, avanzou a achega de 22 millóns de euros en 2016, o maior investimento nos últimos sete anos, para impulsar a concentración parcelaria. O obxectivo é multiplicar por tres o investimento dedicado a este fin, de cara a rematar as 137 zonas activas, que supoñen preto de 120.000 hectáreas, un millón de parcelas e 100.000 propietarios, e empezar a traballar nas zonas prioritarias agro-grandeiras.
A Xunta pretende finalizar administrativamente todas as concentración parcelarias iniciadas en Galicia nun prazo de catro anos. A orde de prioridade para decidir as actuacións será a seguinte: aquelas que favorezan o final de procesos de reestruturación parcelaria que estaban a piques da súa finalización definitiva; as que propicien o avance dos procesos de reestruturación que teñan unha incidencia económica importante; e os traballos previos ao decreto de utilidade pública de novas zonas de reestruturación parcelaria.