publicidade hoxe

Cores Tourís anuncia a posta en marcha da rede de camiños da parcelaria de Romai en Portas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPortas
A-
A+
Cores Tourís na visita ao Concello de Portas

Cores Tourís na visita ao Concello de Portas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou esta mañá a posta en marcha do proxecto da rede camiños principais na concentración parcelaria de Portas que suporá un investimento de case 1,6 millóns de euros. Tamén se levarán a cabo novas actuacións na parcelaria de Briallos.

O delegado territorial visitou o concello de Portas para informar destas novas ao alcalde da localidade, Víctor Estévez, acompañado do xefe territorial de Medio Rural, Miguel Pérez Dubois.

Deste xeito, na parroquia de Briallos, onde a superficie a concentrar é de 302 hectáreas, con 633 propietarios e 3.123 parcelas, levarase a cabo ao longo do presente ano a presentación do acordo de reestruturación a partir da actualización do proxecto de concentración parcelaria que suporá un investimento de 46.000 euros.

O principal investimento será na concentración parcelaria de Romai, onde se levara á cabo a rede de camiños principais, que conta cunha extensión de 20 quilómetros, e na que se investirán case 1,6 millóns de euros. Esta parcelaria conta cunha superficie a concentrar de 420 hectáreas e 1.005 propietarios que contan na actualidade con 6.019 parcelas. José Manuel Cores Tourís destacou a importancia deste investimento “que ven a demostrar a aposta do actual Goberno autonómico para con Portas, potenciando unha concentración parcelaria que estivo moitos anos paralizada e que volver a tomar pulo de cara a súa execución”.

Achega de 22 millóns de euros

José Manuel Cores Tourís recordou a importancia de continuar cos procesos de concentración parcelaria, xa que permitirá mellorar a rendibilidade da actividade produtiva e facilitar que os predios abandonados ou que non formen parte de explotacións poidan mobilizarse para uso agrario. Ademais, a parcelaria axuda tamén a minimizar os efectos que poidan ter as grandes obras públicas ou explotacións de coutos mineiros, potenciar a conservación das zonas de maior interese ambiental, así como reducir as emisións que se derivan dos longos desprazamentos polas explotacións dispersas.

O delegado territorial recordou que a semana pasada o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, avanzou a achega de 22 millóns de euros en 2016, o maior investimento nos últimos sete anos, para impulsar a concentración parcelaria. “Na provincia de Pontevedra serán 10 millóns de euros os que se investirán nas parcelarias, é dicir, case o 45% do total previsto pola administración autonómica”, explicou Cores Tourís.

O obxectivo é multiplicar por tres o investimento dedicado a este fin, de cara a rematar as 137 zonas activas, que supoñen preto de 120.000 hectáreas, un millón de parcelas e 100.000 propietarios, e empezar a traballar nas zonas prioritarias agro-grandeiras.

A Xunta pretende finalizar administrativamente todas as concentración parcelarias iniciadas en Galicia nun prazo de catro anos. A orde de prioridade para decidir as actuacións será a seguinte: aquelas que favorezan o final de procesos de reestruturación parcelaria que estaban a piques da súa finalización definitiva; as que propicien o avance dos procesos de reestruturación que teñan unha incidencia económica importante; e os traballos previos ao decreto de utilidade pública de novas zonas de reestruturación parcelaria.

10 de marzo de 2016 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.