Cores Tourís anima os concellos de Pontevedra a sumarse á liña de axudas para a mellora da accesibilidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recordou hoxe aos concellos da provincia que a Axencia de Turismo acaba de abrir a nova liña de axudas destinadas á accesibilidade e á sinalización dos recursos turísticos no rural.

O delegado territorial puxo a municipios como Covelo como exemplo, xa que o ano pasado, aproveitando esta orde levou a cabo obras de mellora da accesibilidade á praia fluvial de Maceira, investindo case 53.000 euros, dos cales 25.000 foron aportados pola administración. Tamén Marín, Nigrán, Silleda, Ponteareas, O Rosal, Vilanova de Arousa, Agolada e Baiona, puideron levar a cabo proxectos de mellora nas zonas turísticas ao longo de 2015 grazas á esta orde.

En total, a Xunta destinou a estes concellos 200.000 euros para a execución de iniciativas coma mellora da accesibilidade no entorno fluvial de Brocos en Agolada; a instalación de paneis informativos e interpretativos do patrimonio relixioso na rota do románico en Trasdeza, no concello de Silleda; o proxecto de sinalización do patrimonio arqueolóxico de O Rosal; a mellora no roteiro dos Cinco Miradoiros en Marín ou o acondicionamento dos accesos ás praias de O Terrón e As Patiñas en Vilanova de Arousa.

“Este ano, o prazo para solicitar estas axudas remata o próximo 29 de de marzo, e irán destinados a execución de pequenas infraestruturas turísticas cuxo investimento sexa inferior a 120.000 euros, IVE excluído, cun máximo de subvención de 50.000 euros”, engadiu Cores Tourís, quen matizou que as axudas serán concedidas por concorrencia competitiva, concedéndose entre un 50% e un 100% do total do investimento.

Cores Tourís recordou que o obxecto destas axudas é o fomento da accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos no medio rural. “Deste xeito”, explicou o delegado territorial, “son obxecto destas axudas os accesos e sinalizacións a praias marítimas e fluviais, aos bens de interese cultural, así como aos espazos naturais como miradoiros e rotas de sendeirismo, sempre que non se atopen en Rede Natura ou vaian a ser financiados a través das obras do Plan Marco da Consellería de Medio Rural”.

As actuacións que poden realizar os concellos e que son obxecto destas axudas poden ser a construción, ampliación e mellora de aparcamentos para o acceso a estes recursos; a pavimentacións de pasarelas, ramplas e a eliminación de barreiras arquitectónicas; a construción e rehabilitación das instalacións que contribúan a mellorar as instalacións que permitan a circulación de visitantes e a dotación de equipamentos e a sinalización con información visual e táctil.

Estas axudas contan cun orzamento de case 1,3 millóns de euros para toda Galicia e teñen como obxectivo consolidar a oferta turísticas nas zonas do rural a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística

As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader, nun 75%, con fondos do Ministerio de Agricultura nun 12,13%, Alimentación e Medio Ambiente e un 12,87% de fondos propios da comunidade autónoma.

4 de marzo de 2016 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.