publicidade hoxe

Cores Tourís acorda co concello de Mondariz a sinatura dun protocolo para executar melloras no CPI do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondariz
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o CPI de Mondariz onde acordou a posta en marcha dun protocolo de colaboración co concello de cara a levar a cabo varias melloras neste centro educativo.

Na visita estivo acompañado do alcalde do municipio, Xoán Carlos Bugarín, así como do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, e do equipo directivo do CPI de Mondariz.

O protocolo de colaboración será firmado nos próximos días e suporá que a administración se encargue de executar a fase final do enganche do colexio á rede de saneamento municipal que está a levar a cabo o municipio, separando pluviais de fecais. Deste xeito, a Xunta executará a parte que resta da obra e que se ten que levar adiante a través do patio do colexio. “Trátase dunha obra importante, porque permitirá ao centro eliminar o uso de fosas sépticas”, explicou Cores Tourís.

A través deste protocolo de colaboración, Xunta e concello traballarán para mellorar a cuberta das pistas polideportivas do centro, renovando os canlóns.

José Manuel Cores Tourís destacou que grazas a este tipo de colaboración entre institucións “pódense levar a cabo importantes obras que redundan no beneficio de todos, neste caso, da comunidade educativa e dos propios veciños”, e engadiu que “agardamos que outras administracións, como é o caso da Deputación de Pontevedra, tomen nota e se sumen a este tipo de iniciativas, retomando o que xa se estaba a facer co anterior goberno provincial, con Rafael Louzán á cabeza, que permitiu a execución de obras prioritarias nos centros educativos da provincia”.

Deste xeito, o delegado territorial destacou que outros concellos como o de A Guarda, están xa a colaborar coa administración autonómica a través de protocolos similares que permitirán, neste caso, solucionar os problemas de arrastra o pavillón de As Salinas. “Sabemos que outros concellos tamén están a estudar a posibilidade da colaboración entre administracións como fórmula para solucionar importantes necesidades que existen nalgúns colexios”, engadiu Cores Tourís.

O delegado territorial asegurou que nos últimos anos, a administración autonómica destinou máis de 233.000 euros ao CPI de Mondariz, de cara a executar obras como a ampliación e reforma do módulo de Infantil; a reforma da instalación eléctrica, da calefacción e o arranxo do comedor escolar, “para o que contamos coa colaboración do anterior grupo de Goberno de Julio Alén”.

10 de marzo de 2016 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.