Conde destaca que as exportacións galegas a Centroamérica se incrementaron nun 23,5%
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe durante a súa participación nunha xornada centrada no acordo de Asociación Centroamérica- Unión Europea a oportunidade única que este supón para as empresas da comunidade. Así, Galicia incrementou nun 23,5% desde 2013 as súas exportacións a esta rexión, coincidindo coa posta en marcha do acordo, ao tempo que se incrementaron nun 10% o número de compañías da comunidade que exportan á zona.
Tal e como subliñou o conselleiro, boa parte das exportacións galegas aos países que forman parte do acordo céntranse na tecnoloxía industrial, a industria mecánica e a construción, así como a moda, sectores que, xunto coa eficiencia enerxética e as enerxías renovables poden presentar novas posibilidades de negocio e investimento para as empresas galegas.
Durante a súa intervención, o conselleiro destacou que Galicia, non só pola súa historia e pola súa cultura, senón pola súa posición xeoestratéxica, tivo sempre unha relación especial con América, e particularmente cos países centroamericanos, destacando que a comunidade pode converterse en peza clave para un acordo que ten por obxectivo contribuír ao crecemento económico en ambas zonas.
O responsable de Economía, Emprego e Industria destacou así mesmo que o acordo de Asociación Centroamérica- Unión Europea vai moito máis alá dun tratado comercial, centrándose tamén no diálogo político e a cooperación. O Acordo contribúe ademais a un modelo de crecemento sostible a favor dos case 800 millóns de cidadáns beneficiados.
Francisco Conde lembrou que a internacionalización é un dos piares nos que Galicia se ten asentado para impulsar a recuperación económica e o crecemento, recordando que a comunidade logrou pechar 2015 cun novo récord exportador. Do mesmo xeito, sinalou que a comunidade busca coa Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 lograr obxectivos como incrementar a participación das exportacións no PIB da Comunidade ata alcanzar o 40% no ano 2020 ou aumentar o número de empresas exportadoras en máis dun 25% ata alcanzar as 8.000.











