Conde destaca que a proba de prototipos pioneiros de enerxía undimotriz en Punta Langosteira sitúa a Galicia á vangarda de Europa
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na Coruña inauguración da xornada celebrada con motivo do Día Mundial da Eficiencia Enerxética, un acto no que estivo acompañado polo presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, e que se centrou desta volta nas enerxías mariñas. Neste contexto, Conde resaltou a zona experimental de Punta Langosteira, habilitada pola Xunta no marco do proxecto Energy Mare que lidera o Inega, e que está a permitir probar prototipos pioneiros de enerxía undimotriz na procura de situar a Galicia á vangarda de Europa neste eido.
Así, explicou o conselleiro, a zona ten acollido xa as probas realizadas polo trimarán do proxecto Magallanes, un prototipo flotante que busca facer rendible a enerxía obtida das mareas. Ademais, outras iniciativas nas que están a participar empresas e centros do coñecemento galegos teñen amosado o seu interese nesta zona, o que permitirá probar equipos encamiñados a cuantificar a redución da pegada do carbono e da emisión de contaminantes nestes dispositivos ou desenvolver novas tecnoloxías.
A zona de Punta Langosteira, que suma 2,6 km2 de superficie, resposta, segundo explicou Conde, a un “minucioso traballo de selección” que tivo en conta as características do litoral galego, o seu alto potencial enerxético, a adecuada interconexión eléctrica e a proximidade de varios parques empresariais.
“Deste xeito, estamos a ofrecer ao noso tecido produtivo unha zona de probas de prototipos en condicións de funcionamento reais en mar aberto, como a que so existen outras dúas en toda Europa, e na que poden validar deseños compoñentes e materiais avaliando a súa viabilidade”, incidiu o conselleiro.
Neste marco, o titular de Economía, Emprego e Industria afondou nas posibilidades que ofrecen as enerxías renovables mariñas. “A nosa terra é a Comunidade cun maior potencial de desenvolvemento de enerxía undimotriz: dos 20GW de potencial de enerxía das olas en España, sumamos o 35%”, subliñou Conde.
Por este motivo, explicou, o Inega lidera o Energy Mare que, xunto á habilitación da zona experimental de Punta Langosteira, está a permitir tamén analizar, xunto á Universidade de Vigo, os sistemas de evacuación e transporte das enerxías renovables mariñas; estudar, en colaboración con Aimen, a cadea de valor asociada ás capacidades da nosa industria; e avaliar, xunto ao CETMAR, o marco medioambiental e socioeconómico asociado á creación deste tipo de áreas experimentais.
O aproveitamento dos recursos autóctonos
Neste escenario, o conselleiro avogou por seguir a traballar no aproveitamento dos recursos autóctonos, como no caso do eólico ou da biomasa, eido no que lembrou que o Goberno galego está desenvolver a Estratexia Integral de Impulso da Biomasa con fins térmicos, destinando máis de 32 millóns nos últimos tres anos á orde para implantación de caldeiras co obxectivo de incrementar a demanda e o consumo deste combustible en fogares, empresas e administración pública.
O obxectivo desta Estratexia, explicou Conde, é configurar unha industria xeradora de riqueza que ofreza novas oportunidades de crecemento, ao tempo que se pon en valor o monte galego, favorecendo unha xestión que facilite o seu desenvolvemento económico.
Así mesmo, o conselleiro resaltou o proxecto do HUB gasístico que se está a desenvolver en Ferrolterra e que, como no caso do emprego das fontes renovables, aspira a “incrementar a competitividade da economía galega, garantir un maior e mellor respecto ao medio ambiente e asegurar o abastecemento”.
Neste proxecto, recordou Conde, están a traballar Reganosa, a Xunta, Navantia, a Universidade de Santiago e a Autoridade Portuaria na procura de facer de Ferrol, e do seu porto, o centro de distribución enerxética do Noroeste peninsular. “Todos xuntos buscamos situar a Galicia á vangarda do sector, aproveitando as numerosas posibilidades que nos achega o GNL no sector lóxistico, coa atracción de tráficos marítimos grazas á nosa privilexiada situación xeográfica; na industria naval, abrindo as portas á reparación destes tráficos e á construción de novos buques; e no sector enerxético, co impulso dunha tecnoloxía máis limpa e eficiente”, concluíu.











