Comezan as obras de mellora da estrada de acceso a Marcón dende a rúa Campo Santo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra iniciará de xeito inminente as obras de mellora da estrada de acceso a Marcón dende a rúa Campo Santo (antiga Pedra do Lagarto). Os traballos consisten na rehabilitación estrutural do firme e foron contratados á empresa COVSA por 137.892,81 euros, case 47.000 euros menos do establecido na licitación inicial. Segundo indicou hoxe o vicepresidente Mosquera, a actuación comezará en breve e prevese que estea finalizada en poucas semanas.

Esta mellora fora incluída no convenio asinado entre a Deputación e o Concello de Pontevedra para reparar os danos do temporal do ano 2013 nas zonas do rural pontevedrés e o financiamento correrá na súa totalidade a cargo das arcas provinciais. A estrada a Marcón dende a rúa Campo Santo era unha antiga vía provincial (EP-0003) que foi transferida ao Concello de Pontevedra no ano 2008. Antes do seu traspaso aplicóuselle unha nova capa de rodadura de poucos centímetros de grosor e que agora presenta moi mal estado debido ás continuas inclemencias meteorolóxicas e o tráfico que soporta.

No acordo entre Concello e Deputación tamén se incluíran as obras de mellora da rúa Ruibal-Salcedo e a renovación da ponte sobre o río Rons na Xunqueira da Gándara, que xa están en marcha e en fase de replantexo.

23 de marzo de 2016 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.