Catro centros educativos galegos son galardoados cos Premios de Calidade e Innovación en Formación Profesional outorgados polo Ministerio
O director xeral de Educación, FP e Innovación educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Manuel Corredoira, participou esta mañá no acto de entrega dos Premios á Calidade e Innovación en Orientación e en Formación Profesional outorgados polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Os galardóns foron entregados polo ministro Íñigo Méndez de Vigo.
O primeiro premio foi para o equipo conformado polos IES Punta Candieira (Cedeira), IES Xoán Montes (Lugo) e CIFP As Mercedes (Lugo) que presentaron un proxecto conxunto sobre rehabilitación enerxética de edificios públicos.
Pola súa parte, o IES Escolas Proval (Nigrán) recolleu o terceiro premio por un proxecto denominado ‘Videorockola’, de creación dun aparato de reprodución de música e vídeo a demanda con pantalla táctil.
O obxecto destes galardóns é recoñecer actuacións exemplares de innovación e experimentación en orientación e en formación profesional, de forma que estas boas prácticas sirvan de modelo e inspiración a outros centros de ensino. Deste xeito búscase estimular a iniciativa de profesorado, alumnado, centros e das empresas, no que supón un recoñecemento do traballo colaborativo, do espírito emprendendor e da innovación na FP.