Carmela Silva deu a coñecer unha ocupación próxima ao 70 % en toda a provincia de Pontevedra
Faltando as reservas de última hora, tal e como subliñou Carmela Silva, a ocupación hoteleira estimada na provincia de Pontevedra será de aproximadamente o 70 %. A presidenta da Deputación de Pontevedra fixo fincapé nos establecementos de turismo termal, cuxa estimación de ocupación acada o 85 %.
Ocupación hoteleira por comarcas:
– Na comarca do Morrazo prevese que a ocupación hoteleira sexa superior á provincial, acadando o 75 %, e nos establecementos de turismo rural do 68 %, sete puntos por enriba da estimación provincial que é do 61 %.
– Na comarca do Salnés prevese que á cifra de ocupación provincial se sumen unhas décimas, acadando o 70,3 %, e nos establecementos de turismo rural o 68,3 %, sete puntos por enriba da estimación provincial.
– Na comarca de Pontevedra prevese que a ocupación sexa superior á provincial, acadando o 82 %, e nos establecementos de turismo rural do 81 %, 20 puntos por enriba da estimación provincial que é do 61 %.
– Na comarca do Condado-A Paradanta prevese que as cifras de ocupación acaden o 90 %, as máis elevadas da provincia e nos establecementos de turismo rural do 51,4 %.
– Nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes será de aproximadamente o 53,3 %. En canto aos establecementos de turismo rural prevese que nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes as cifras de ocupación superen o 25 %.
– Na comarca de Caldas a ocupación será de aproximadamente o 67,5 %. Nos establecementos de turismo rural prevese que a ocupación sexa do 56,25 %.
– Na comarca de Vigo a ocupación será de aproximadamente o 56,25 %. No caso dos establecementos de turismo rural a institución provincial estima que a ocupación na comarca de Vigo acade o 58,75 %.
– Na comarca do Baixo Miño a ocupación será de aproximadamente o 50 %. No caso dos establecementos de turismo rural a institución provincial estima que a ocupación na comarca do Baixo Miño sexa do 75 %, 14 puntos por enriba da media provincial.
As persoas que viaxan ás Rías Baixas son principalmente de nacionalidade española, con idades comprendidas entre os 35 e os 60 anos, que se decantan por un turismo en familia, chegan á nosa provincia en coche e mostran interese nos aspectos culturais da provincia de Pontevedra.
Para acollelos nas mellores condicións Carmela Silva informou que a Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, ten xa preparadas as súas oficinas de información turística de Pontevedra (Palacete das Mendoza), do Aeroporto de Vigo e do mosteiro da Armenteira, que estarán abertas durante toda a Semana Santa en amplos horarios. Precisamente nestas oficinas, segundo manifestou a presidenta, “estamos a detectar un incremento do número de visitantes no primeiro trimestre do ano con respecto ao do ano anterior”. Así, na oficina do Aeroporto de Vigo o aumento foi dun 13 %, na oficina do mosteiro da Armenteira do 8 % e no Palacete das Mendoza do 3 %.
Ademais das oficinas xestionadas directamente por Turismo Rías Baixas, haberá numerosas oficinas municipais abertas na provincia de Pontevedra. Carmela Silva subliñou que “en todas as oficinas da provincia distribuirase o material de promoción que precisen, co fin de atender as necesidades de cada zona, sendo a guía de rías e ríos e a de cultura as de maior saída”.
En moitas destas oficinas traballará persoal subvencionado pola Deputación de Pontevedra. Así, grazas á liña 4 do Plan Concellos da institución provincial, que xa se distribuíu ao 100 %, 11 persoas traballarán entre 3 e 11 meses en seis concellos da provincia para atender os turistas que visiten as Rías Baixas. En concreto, trátase de Cambados, Lalín, Meaño, Poio, Redondela e Salvaterra de Miño, que solicitaron persoal relacionado co turismo: guías, informadoras e informadores, auxiliares ou graduadas e graduados en Turismo.
A presidenta da Deputación destacou que “a través do programa da Deputación de Pontevedra Plan de Práctica Laboral en Concellos e Deputación está previsto que a partir de maio comecen a traballar nos concellos e na institución provincial 12 bolseiras e bolseiros graduadas e graduados en Turismo e sete bolseiras e bolseiros do Ciclo Superior en Animación Sociocultural e Turística. Carmela Silva tamén informou que, cara aos vindeiros meses, sairán bolsas de Turismo Rías Baixas para que informadoras e informadores turísticos poidan atender as oficinas municipais de turismo. Neste eido, segundo destacou a presidenta, “o obxectivo é que todos os concellos da provincia de Pontevedra teñan recursos humanos formados para atender as demandas dos turistas que visiten Rías Baixas”.
Carmela Silva destacou que “o turismo é un dos sectores máis relevantes da provincia de Pontevedra, con gran capacidade para xerar dinamismo económico e emprego”. Por iso, co obxectivo de incrementar o número de turistas, a Deputación de Pontevedra realizou durante estes tres primeiros meses do ano un traballo previo de captación de turistas, promovendo e potenciando actividades para fomentar e desenvolver o turismo na provincia e mellorar a imaxe turística do destino. Así, a presidenta da institución provincial destacou que “as actuacións iniciáronse en Fitur, coa presentación da ruta arquitectónica para descubrir as Rías Baixas, que conseguiu bater récords nas redes sociais, acadando máis de 160.000 visualizacións en Facebook; continuou co Espazo Atlántico de Pepe Solla en Madrid, coa presentación da campaña 62 razóns para visitar Rías Baixas, con case 85.000 usuarios alcanzados nas redes sociais; e publicacións en páxinas web coma guiamaximin.com, delascosasdelcomer.com ou restauranthotelbar.com. Realizouse, ademais, un investimento de 60.000 € en campañas en revistas e webs especializadas coma Conde Nast Traveller, destinia.com, Exclusive Magazine, Guía del Ocio, minube, On Magazine, Hola Viaxes, National Geographic, Rumbo…”.
Por outra banda, Carmela Silva informou que a través da páxina web da Deputación de Pontevedra ofrécense contidos específicos con “dez propostas para unha Semana Santa diferente”. Estas propostas incluirán, segundo detallou Silva, información sobre a Semana Santa de interese turístico na provincia (coma a de Cangas), festas de interese turístico, percorridos por espazos históricos e relixiosos, visitas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, o Camiño de Santiago, un percorrido polos xacementos da provincia de Pontevedra, visitas guiadas no Museo de Pontevedra, arquitectura contemporánea nas Rías Baixas, conxuntos histórico-artísticos ou a ruta da camelia.











