As comisións informativas da Deputación analizan temas normativos, de infraestruturas, medio ambiente e saneamento
As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran as súas reunións hoxe mércores e mañá no Pazo Provincial. Nas xuntanzas de hoxe celebraranse as comisións de Cooperación, Facenda e Transparencia, sendo a quenda das de Cultura, Termalismo e Igualdade, o xoves, 17 de marzo. Na comisión de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente abordarase o convenio de asistencia aos concellos de Cenlle, San Amaro e Punxín para a xestión das instalacións de abastecemento en Alta “Razamonte-San Trocado” durante o exercicio 2016. E na comisión de Cultura, Deportes e Mocidade tratarase a resolución do convenio entre a Deputación de Ourense e o Concello de Barbadás de cesión de uso do edificio do Museo de Instrumentos Musicais de Barbadás.
Hoxe, na comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordarase a aprobación definitiva da disolución do Consorcio contra incendios e de salvamento das comarcas: Limia, Carballiño e Ribeiro, Valdeorras e Verín, nos termos recollidos no acordo adoptado polo pleno do Consorcio e, remitirlle o presente acordo á Presidencia do Consorcio.
Por outra banda, na xuntanza abordarase a ratificación do convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense, a Axencia Galega de Infraestruturas, o Servizo Galego de Saúde, e o Concello de Ourense, para o financiamento e execución da urbanización dos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, no que contempla un orzamento total de 1.360.345,53 euros. No que se refire á Deputación de Ourense, financiará as obras cun investimento máximo de 949.614,05 euros. Para o impulso e cumprimento deste convenio constituirase unha Comisión de Seguimento formada por un representante da Axencia Galega de Infraestruturas, un representante do Servizo Galego de Saúde, un representante da Deputación Provincial de Ourense e un representante do Concello de Ourense, e presidirá a Comisión a presidenta da Axencia Galega de Infraestruturas ou persoa na que delegue.
Outro dos asuntos a tratar na comisión de Cooperación é o arquivo do expediente expropiatorio incoado pola Deputación de Ourense, por delegación de competencia do Concello de Amoeiro, para a execución do proxecto de ampliación da rúa Costureiras.
Na comisión Especial de Contas e de Facenda e Economía abordarase a delegación na Deputación das facultades do Concello de Piñor en materia de recadación da taxa de subministración de auga e canon da Xunta. Asemade na reunión tratarase o expediente de modificación de créditos n.º 2/2016.
No que respecta á Comisión de Transparencia e Administración Provincial abordarase a resolución de alegacións formuladas contra a Relación de Postos de Traballo para o exercicio 2016. Por outra banda, tratarase a modificación n.º 1/2016 da Relación de Postos de Traballo para o exercicio 2016, mediante a creación dun novo posto, coa súa correspondente praza, de interventor – asesor no Gabinete de Asesoría Xurídica e Asistencia a Municipios, coas mesmas características do posto de idéntica denominación xa existente e, someter a modificación ao trámite de información pública por termo de 20 días hábiles, mediante anuncio no BOP e na sede electrónica da Deputación. Durante este prazo, os interesados poderán formular alegacións que serán obxecto de resolución expresa polo Pleno e no caso de non formularse alegacións en prazo entenderase automaticamente elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial.
Por último, abordarase na reunión a modificación do Regulamento Orgánico da Deputación de Ourense en materia de acceso ás sesións plenarias engadindo tres novos apartados referidos a normas sobre acceso do público ás sesións plenarias, normas de cortesía no desenvolvemento da sesión e normas sobre participación da veciñanza no Pleno. No apartado referido ás normas sobre acceso do público ás sesións plenarias contempla que o aforo máximo actual na zona de público é de 45 persoas, das cales 10 prazas serán de libre acceso ao público asignándose por orde de presentación da solicitude que deberá presentarse cando menos 24 horas antes da celebración da sesión, 2 prazas a disposición da Presidencia para invitacións institucionais, 3 prazas a disposición do Pleno, para persoal ao seu servizo ou por necesidades no seu desenvolvemento, 30 prazas a disposición dos diferentes grupos políticos, distribuídas proporcionalmente de acordo co seu grao de representación institucional.
No que atinxe ás normas sobre participación da veciñanza no Pleno, contempla que unha vez concluída a sesión, o presidente pode establecer unha quenda de rogos e preguntas para o público existente sobre temas concretos de interese provincial, previa solicitude dos interesados formulada nos seguintes termos: o número total máximo de rogos e preguntas en cada sesión será de 5, as persoas que desexen intervir na quenda deberán solicitalo por escrito ao presidente con cinco días hábiles de antelación á celebración do Pleno, expresando na solicitude o rogo ou pregunta que desexe formular. O rogo ou pregunta debe ter sempre por obxecto directo unha cuestión relativa ás competencias da Deputación e deberá formularse con brevidade, concisión e claridade. Concluído o prazo de presentación de peticións, a presidencia ditará resolución que se notificará aos interesados na que se declarará a admisión ou non dos rogos e preguntas formulados.











